Club Debate Compostela: “Non formamos líderes, senón persoas”

Vinculado á Universidade, levan doce anos organizando formacións en oratoria e debates na capital que xa son referentes alén das fronteiras. Estudantes con distintas motivacións acoden ás actividades que semanalmente teñen lugar na facultade de Dereito
Club Debate Compostela: “Non formamos líderes, senón persoas”
Participantes nunha actividade do Club Debate Compostela

A oratoria é unha destreza desexada por moitos. Hai quen goza dunhas habilidades comunicativas envexables, quen durante unha conversa destaca polas súas argumentacións e a temperanza coa que fala. Para outras persoas, en cambio, falar en público é todo un reto que pode chegar a ser limitador.

 

Nos tempos que corren resulta imprescindible o dominio de técnicas que axuden a abordar con éxito situacións que involucren o intercambio verbal de experiencias entre dúas ou máis partes. Enfrontámonos a este tipo de escenarios continuamente: en entrevistas de traballo, en exposicións académicas ou mesmo cando coñecemos a persoas novas.

 

Nas universidades en particular peta con forza o interese pola oratoria. Proba diso é o éxito que os debates universitarios colectan por toda a xeografía. En Galicia hai clubs de debate en cada unha das universidades. Tamén na de Santiago: de feito, o Club Debate Compostela é recoñecido alén das súas fronteiras.

 

Debatendo máis dunha década

 

No ano 2012 un grupo de mozos fundaron o Club Debate Compostela coa finalidade de poñer á Universidade de Santiago no mapa do debate. Desde ese momento, comezaron a captar socios e a organizar actividades de oratoria de que consideran útiles para o seu público. A súa premisa: a mellor forma de cambiar o mundo é saber escoitar, razoar e argumentalo todo

 

Remaron nesa dirección ata hoxe, momento no que o club xa é todo un referente a nivel nacional e especialmente dentro da comunidade universitaria compostelá. Este curso son 56 membros que proceden de diferentes facultades da USC e incluso doutras universidades galegas.

 

Debate compos reunión
Membros do club, durante unha actividade | CEDIDA

 

Desde xullo, Adrián Macías Francisco é o seu presidente. Chegou ao posto coa ilusión de “achegar novas ideas despois de varios anos participando no club, e de darlle o pulo que levaba un tempo precisando”. 

 

Para Adrián o debate é, ante todo, unha ferramenta de aprendizaxe. Por iso o primeiro que fixo foi cambiar a idea de que o club estaba unicamente para crear grandes mestres da dialéctica: “O club non está para formar líderes, senón persoas. Buscamos mellorar aspectos do día a día, ensinar aos nosos membros a relacionarse coa xente, a soltarse, a reducir a timidez. O éxito está aí. Pensar só no potencial, no debate polo debate, é estreito”.

 

O club non está para formar líderes, senón persoas. Buscamos mellorar aspectos do día a día, ensinar a relacionarse coa xente, a soltarse, a reducir a timidez

 

A dinámica de traballo é sinxela. Ás novas incorporacións xúntaselles cos máis veteranos, non é necesario ter ningún tipo de noción básica de debate porque o club está precisamente para iso, para acoller a persoas de calquera nivel. Durante o curso académico non só se asiste a formacións senón que tamén se organizan accións con outras asociacións. 

 

Cada semana hai varias actividades, porque se entende que non todos os membros poderán asistir á totalidade delas. “Este ano temos actividades todas as semanas porque non queremos caer en inactividade. Á parte, unha vez ao mes facemos unha liga interna para poñer en práctica o aprendido, adoita ser os venres e sábados”, indica Adrián.

 

O Club Debate Compostela tamén é o encargado de organizar o Torneo Nacional BP que se celebra cada ano en Santiago e a onde acoden debatentes de toda España. A maiores teñen o CMUGA, unha liga por equipos onde se debate seguindo o formato do Parlamento Británico. O CMUGA caracterízase por ser integramente en galego, pois ten o obxectivo último de promover o debate na lingua propia.

 

Demandan máis colaboración

 

Organizar estes dous torneos, ademais de xestionar a participación noutros, non é tarefa doada. Desde o Club Debate Compostela lamentan que a universidade, que non deixa de ser a base da asociación, non demostre un compromiso forte co club: “Gustaríanos que a universidade se involucrase máis. Por exemplo, que non se nos cobre polo uso das aulas durante as fins de semana. Ao final, cando vamos aos torneos estamos a poñer o nome da USC no mapa”, explica Adrián.

 

Gustaríanos que a universidade se involucrase máis. Por exemplo, que non se nos cobre polo uso das aulas nas fins de semana. Nos torneos estamos a poñer o nome da USC no mapa

 

Hoxe son cinco as persoas na xunta directiva que asumen unha carga de traballo inxente para manter a dinámica do club. Asemade, organízanse a través de comisións nas que os membros poden axudar a organizar as actividades: “Xestionar o club para sentirse parte del. Todos poden propoñer persoas, formacións…”.

 

Debate compos actividade
Xornada de preparación dun debate | CEDIDA

 

Actualmente, buscan a colaboración con outras asociacións. Por exemplo, hai pouco tiveron un encontro coa Erasmus Student Network, que agrupa aos estudantes internacionais da USC, no que de xeito informal se xuntaron para debater sobre diferentes temas. “Con iso queremos abrir a asociación a todo o mundo e non só aos socios”, manifesta Adrián.

 

Nese sentido, de cando en vez tamén colaboran cos institutos da contorna ofrecéndolles formacións: “Queremos enganchalos ao debate desde esas idades”, declara.

 

Máis que un club de debate

 

Unha parte fundamental do Club Debate Compostela é a atención que lle dan aos procesos de socialización. “Despois das actividades imos tomar algo, ou a comer, ou quedamos para ir algún día ao karaoke. Aquí fanse moitas amizades que van máis alá do club, e tamén xorde o amor…”.

 

O club está aberto a novos membros en practicamente calquera momento do curso, basta consultar as datas na súa páxina web. Este curso promete ser axitado, polo que non haberá tempo para se aburrir.

 

Desde o seu posto de presidente, Adrián anima a todas esas persoas que aínda dubidan se dar o paso de unirse ao club: “Van aprender cousas útiles para o día a día, tanto a nivel persoal, porque é vital saber expresarse, coma profesional porque sempre nos imos ter que enfrontar a falar, a ter que convencer a alguén ou a defender o noso punto de vista. Aquí van aprender pero tamén o van pasar ben e van xerar vínculos para a vida”.

Club Debate Compostela: “Non formamos líderes, senón persoas”

Te puede interesar