Colapso no CHUS: ata 13 pacientes graves nos corredores

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia a situación asegurando que, segundo os datos do Sergas, en ningunha das seccións se superou o 90% de camas ocupadas

O servizo de Urxencias do CHUS atopouse colapsado durante o día cinco de agosto, cando antes das 14.00 horas había nos corredores 13 pacientes con diagnóstico grave. Destes, dúas horas despois, aínda quedaban 10 distribuidos por este espazo. 

 

Esta situación está sendo denunciado dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que adxuntan provas gráficas do colapso sufrido. Ademais, sinalan que segundo datos actualizados polo Sergas ás 8.00 horas do mesmo día no que se deu isto, "un total de 480 persoas foron atendidas en Urxencias nas últimas 24 horas e, destas, 71 precisaron ingreso hospitalario. De acordo con esta fonte, en ningunha das seccións se superou a porcentaxe do 90% de camas ocupadas".

 

 "Aínda así, as autoridades sanitarias seguen negando a maior; seguen vulnerando os nosos dereitos como pacientes necesitados de atención deixándonos nos corredores de acceso durante horas e horas, recibindo alí tratamento e diagnósticos se é necesario; seguen demorando a hospitalizaciónn aínda que haxa camas dispoñibles (segundo os datos facilitados polo organismo) en todas as seccións; e seguen sen facer absolutamente nada por remediar o problema", sinalan dende a asociación. 

 

Periodo estival

Destacan a importancia da redución da atención primaria durante o periodo estival producida polas vacacións do personal do hospital. As súas prazas non son cubertas, polo que as esperas para unha consulta en Atención Primaria rematan por ser tan excesivas que os pacientes optan por ir a Urxencias. "Non se reduce o número de persoas necesitadas de atención, moi ao contrario, e dado que vivimos nunha zona turística, a demanda segue sendo elevada", aseguran. 

 

"Ante isto, as autoridades responsables pretenden, como resulta práctica habitual, afrontar os momentos de crise cos mesmos recursos de sempre ou incluso practicando as reiteradas reducións de consultas e camas dispoñibles dos meses de verán, algo que levamos anos denunciando. Continúan coa estratexia de negar a maior, mesmo se as probas documentais demostran claramente a falsidade, preocupados unicamente de cadrar os seus números e deixando para o último lugar a atención digna dos e das pacientes", denuncian. 

Colapso no CHUS: ata 13 pacientes graves nos corredores

Te puede interesar