Compostela aposta pola economía social cun programa gratuíto de formación e acompañamento a emprendedores

O edificio Cersia acollerá a próxima semana as primeiras xornadas dun programa gratuíto que combina formación, acompañamento e ferramentas prácticas para lanzar proxectos empresariais con impacto social e ambiental
Compostela aposta pola economía social cun programa gratuíto de formación e acompañamento a emprendedores
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou esta semana a iniciativa no edificio Cersia de San Lázaro, acompañada por Borja Iglesias e Teresa Gutiérrez

O Concello de Santiago dá un novo paso no impulso ao tecido emprendedor local coa posta en marcha de “Faino en Santiago”, un programa gratuíto impulsado pola Concellaría de Promoción Económica que busca acompañar proxectos rendibles pero tamén sustentables, cunha mirada posta na economía próxima, social e ambientalmente xusta.

 

Faino en Santiago Cartaz
 

 

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou esta semana a iniciativa no edificio Cersia de San Lázaro, acompañada por Borja Iglesias e Teresa Gutiérrez, fundadores da cooperativa compostelá Falar a Mare, encargada do desenvolvemento do programa. Na súa intervención, Rozas destacou que o programa encaixa cos obxectivos da Axenda Urbana 2030 e do V Pacto Local polo Emprego, que promoven unha Compostela emprendedora e orientada á economía social.

 

Xornadas presenciais os días 9, 10 e 11 de xullo

O programa comeza coa celebración de tres xornadas presenciais os días 9, 10 e 11 de xullo no edificio Cersia, que incluirán obradoiros prácticos, paneis de experiencias e dinámicas grupais. Entre outras cuestións, abordarase como incorporar a sostibilidade ao modelo de negocio, como definir un plan financeiro e de recursos humanos ou cales son as ferramentas e oportunidades que ofrece Compostela para emprender.

 

Formación práctica impartida por persoas emprendedoras

Un dos puntos distintivos do programa é que todo o equipo docente está formado por profesionais que xa teñen experiencia emprendendo, o que garante unha aprendizaxe orientada á realidade e non só á teoría. Así o salientou Teresa Gutiérrez, que subliñou a dificultade de atopar programas deste tipo gratuítos e impulsados desde unha administración pública.

 

A día de hoxe, xa están inscritos 28 proxectos de sectores tan diversos como a alimentación, a cultura, a artesanía, a educación ou a saúde. Algúns deles están dando os seus primeiros pasos, mentres que outros están aínda na fase inicial de ideación.

 

Formación en liña e acompañamento ata outubro

Tras as xornadas presenciais, “Faino en Santiago” continuará cun programa de formación en liña e titorías personalizadas, que se desenvolverá entre o 12 de xullo e o 30 de outubro. Haberá sesións grupais os días 15, 22 e 29 de xullo; 5 de agosto e 16 de setembro, e todas elas quedarán gravadas para facilitar a súa consulta en calquera momento.

 

O acompañamento individualizado incluirá resolución de dúbidas, seguimento e orientación específica para cada proxecto, así como o acceso a ferramentas dixitais desenvolvidas por Falar a Mare para a planificación e xestión de pequenas empresas.

 

Catro eixos clave para emprender con impacto

A formación centrarase en catro eixos temáticos fundamentais para a posta en marcha e consolidación de proxectos emprendedores:

  • Modelo de negocio con propósito
  • Estratexia empresarial
  • Planificación financeira
  • Comunicación

 

O prazo de inscrición estará aberto ata o domingo a través da web oficial do programa: www.fainoensantiago.gal

Compostela aposta pola economía social cun programa gratuíto de formación e acompañamento a emprendedores

Te puede interesar