Entre moitos dos seus atractivos, Santiago destaca por ser un dos destinos Erasmus máis demandados entre estudantes de todas as partes do mundo polo seu ambiente universitario, que goza dunha fama ben merecida. En Compostela concéntranse intereses para todos os perfís: hai festa, hai gastronomía, hai cultura e hai arquitectura, entre outros focos de proveito. Miles de alumnos internacionais enchen as súas rúas durante o curso escolar para aproveitar ao máximo as posibilidades que ofrece a cidade.
Para facilitarlle a tarefa a estas persoas que chegan por vez primeira a unha terra descoñecida, desde 2016 está en funcionamento a asociación Erasmus Student Network Santiago de Compostela (ESN Santiago). Foi fundada inicialmente por dous estudantes españois que estiveran de Erasmus noutro país co obxectivo de embelecer a experiencia daqueles que, coma eles antes, estaban de intercambio noutra universidade.
Naquel entón a entidade chamábase SCQ Erasmus, ata que no 2020 se adheriu á rede internacional Erasmus Student Network da que forman parte 519 grupos espallados en 45 países. En España teñen presenza nas principais cidades universitarias, e Santiago, malia ser unha localidade pequena, é unha das que organiza máis actividades para os Erasmus.
Antía Prado Moreira é a súa presidenta desde este curso 2024/2025, aínda que xa levaba outros dous anos vencellada á asociación como voluntaria. Esta moza, estudante de último ano de Farmacia, non tivo a posibilidade de ir de Erasmus e iso animouna a vivir a experiencia dun xeito diferente, a través da mellora da estadía daqueles que si poden viaxar.
“Practicamente non hai día no mes no que non organicemos algunha actividade, con nós os Erasmus sempre van ter plan”, explica Antía. Estes eventos poden ir desde excursións ata prácticas deportivas, festas, pícnics e trivias: “Os tándems son unha das actividades onde máis participan. Basicamente son encontros informais onde quedamos para tomar algo e charlar do que nos apeteza, orientados a coñecernos e fomentar a socialización”.
Os tándems son encontros informais onde quedamos para tomar algo e charlar do que nos apeteza, orientados a coñecernos e fomentar a socialización
ESN Santiago tamén ofrece a posibilidade de formar parte do seu ‘Buddy Program’. Consiste en que todo aquel estudante que o solicite teña un mentor ou titor, un universitario local que o oriente tanto antes de chegar á cidade como durante a súa estadía. É unha persoa á que acudir con dúbidas sobre aloxamento, cuestións académicas e calquera outra inquedanza.
En ESN Santiago tamén proporcionan a ESN Card, unha tarxeta con descontos en viaxes pola xeografía que inclúe un seguro, algo moi demandado polos estudantes que, doutra banda, non só veñen do estranxeiro, xa que o alumnado de SICUE tamén pode formar parte da asociación, así como aprendices de idiomas que veñen un período curto de tempo a Santiago a practicar a lingua.
Arredor de 70 voluntarios colaboran desinteresadamente con ESN Santiago. Se funciona tan ben é pola súa implicación e a excelente xestión da asociación, que está organizada en comités que traballan man á man: o cultural, o de deportes, o social, o lúdico e o de comunicación.
Estes 70 voluntarios encárganse, este curso, de animar a estadía de arredor de 700 Erasmus que participan nas súas actividades: “sempre tivemos moitos, pero este ano medrou bastante o número de estudantes internacionais que acollemos. Veñen, sobre todo, de Italia, de México, de Alemaña e de Polonia”.
Sempre tivemos moitos, pero este ano medrou bastante o número de estudantes internacionais que acollemos. Veñen, sobre todo, de Italia, de México, de Alemaña e de Polonia
Para favorecer o bo funcionamento e interese das súas accións, ESN organiza obradoiros de formación para todos os voluntarios, vencellados co desenvolvemento de distintos tipos de competencias que poden recoñecerse oficialmente: “formar parte de ESN é unha maneira óptima de gañar ferramentas útiles para a vida cotiá e laboral”, asegura Antía.
Ao ser unha entidade sen ánimo de lucro, o seu financiamento provén esencialmente do apoio da universidade, que lles cede a oficina, do seu Consello de Estudantado, de subvencións e do que conseguen recadar coas festas e viaxes que organizan. Todo o empregan para reinvestilo na mellora da súa oferta.
Ese é o motivo polo que Santiago leva o seu merecido recoñecemento como destino Erasmus, e niso están de acordo os estudantes que se benefician de ESN. Chimène Bisel, unha das grandes asiduas ás actividades da asociación, coñeceu á maioría dos seus amigos internacionais nos tándems: “me encanta conocer a gente del mundo entero y compartir anécdotas, idiomas… y los voluntarios de ESN hacen un trabajo increíble para ayudarnos en este tipo de cosas”, indica.
Chimène tamén loa Galicia e Santiago en xeral pola súa xente: “me he sentido tan acogida aquí, que es como si fuese mi casa en cualquier lugar al que voy”, explica. E é que os Erasmus non esquecen Santiago. Antía conta que este curso teñen un estudante que xa viñera á cidade hai dous anos e que decidiu repetir porque lle encantou. Outros tantos veñen de visita ou convidan aos voluntarios da asociación aos seus países de orixe.
Bisel aínda non marchou e xa está pensando en volver: “ahora tengo a toda una familia aquí y sé que cuando vuelva tendré a gente esperándome. Y Galicia es una región muy bonita que tiene miles de cosas buenas que visitar y descubrir”.
Está claro que Compostela ofrece un mundo de posibilidades que non pasa desapercibido, e na medida en que haxa asociacións como ESN que as potencien, seguirá sendo un atractivo para milleiros de estudantes de todos os puntos do planeta.