Concello e empresarios do Tambre renovan o convenio para consolidar o Biopolo Sionlla

O acordo inclúe accións de promoción, captación de proxectos e apoio ao servizo de vixilancia das áreas empresariais
Concello e empresarios do Tambre renovan o convenio para consolidar o Biopolo Sionlla
Jose Fernández Albores e María Rozas na reunión do pasado mes de xullo

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns a renovación do convenio de colaboración coa Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), que ten como obxectivo impulsar a consolidación do Biopolo Sionlla (Polo Biotecnolóxico de Galicia), no que xa funciona o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB).

 

Reindustrialización e atracción de investimentos

O proxecto insírese no Acordo da Sionlla, promovido pola Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a USC, a Cámara de Comercio e a AAET. A iniciativa busca atraer empresas e proxectos de investimento, favorecendo a reindustrialización da cidade e de Galicia.

 

A través da Secretaría Técnica do Acordo, coordinaranse actividades que actúen como punto de encontro para administracións, empresas e investidores, elaborando informes e propostas, avaliando resultados e deseñando novas accións, con especial atención ao sector da madeira.

 

Visibilidade e participación en feiras

Entre os obxectivos máis inmediatos está a captación de proxectos e a posta en marcha de novos servizos que fagan máis atractivo o Biopolo. Tamén se promoverá a súa visibilidade en feiras sectoriais, redes sociais e visitas a empresas, así como a definición dunha fórmula colaborativa para a primeira fase dos espazos industriais.

 

Apoio ao servizo de vixilancia

O convenio contempla tamén a colaboración no servizo de vixilancia das áreas empresariais de Tambre, Boisaca, Costa Vella e Sionlla, reforzando a coordinación cos organismos municipais, especialmente coa Policía Local e os Bombeiros.

Concello e empresarios do Tambre renovan o convenio para consolidar o Biopolo Sionlla

Te puede interesar