O Concello facilitará a celebración das cacharelas de San Xoán coa entrega de area e menos burocracia

O Concello facilitará a celebración das cacharelas de San Xoán coa entrega de area e menos burocracia
Celebración de San Xoán na praza do Matadorio en 2024. de Eladio Lois

A Xunta de Goberno Local aprobará este luns as novas instrucións para solicitar autorizacións de cacharelas e sardiñadas co motivo do San Xoán, que se celebrarán ao longo do mes de xuño. Entre as principais novidades destaca a simplificación da documentación requirida e o compromiso do Concello de Santiago de subministrar a area necesaria para protexer o pavimento durante as fogueiras.

 

Menos trámites para facilitar as celebracións

Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, a intención do goberno local é facilitar e clarificar a tramitación. A documentación a presentar dependerá dos elementos que acompañen a celebración (escenarios, atraccións…), pero a gran maioría das solicitudes verán reducido o número de requisitos. Só se esixirán proxectos técnicos completos cando se instalen escenarios de máis de 60 m² ou 0,50 metros de altura, ou atraccións de feira.

 

 

As autorizacións para uso de espazo público deberán solicitarse mediante declaración responsable na sede electrónica do Concello, entre o 2 e o 19 de xuño, dando prioridade ás asociacións veciñais e culturais compostelás. Para espazos privados, chegará cunha comunicación previa.

 

O Concello entregará a area aos organizadores

Como medida de apoio adicional, será o propio Concello quen entregue a area para protexer os enlousados. 

 

Os organizadores deberán solicitala mediante correo electrónico a traficocidadan@santiagodecompostela.gal, e deberán estendela en capas de 10 centímetros.

 

Normas para garantir a seguridade

As fogueiras en zonas urbanas non poderán superar os 2 metros de diámetro nin 1 metro de altura, e na zona rural, os límites serán de 3 metros de diámetro e 3 de altura. Deberán situarse lonxe de edificios, vehículos e tendidos eléctricos, e estará prohibido queimar materiais contaminantes como pneumáticos, plásticos ou sprays.

 

Como cada ano, estarán prohibidas as cacharelas en prazas emblemáticas como o Obradoiro, Quintana, Toural ou Praterías, entre outras.

O Concello facilitará a celebración das cacharelas de San Xoán coa entrega de area e menos burocracia

Te puede interesar