A USC forma parte do consorcio do proxecto INNOV4LIFE, unha iniciativa para establecer unha rede transfronteiriza de living labs entre Galicia e o Norte de Portugal que axudará a pechar a fenda entre quen innova con tecnoloxías que necesitan ser validadas e as persoas usuarias finais. “Dese xeito créanse as condicións que permiten probar a recepción e adopción de solucións dixitais para a saúde entre os usuarios finais na súa propia contorna”, explican dende o proxecto.
Un Living Lab é unha contorna de innovación colaborativa na que empresas, institucións, usuarios finais e outras partes interesadas se reúnen para co crear, desenvolver, probar e validar novas solucións en condicións reais de uso. Estes ‘laboratorios vivos’ permiten un enfoque centrado na persoa usuaria, con metodoloxías abertas e participativas para implicar a todos os axentes relevantes no proceso de innovación.
Precisamente para testar e validar solucións innovadoras en contornas reais, INNOV4LIFE, vinculado ao Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) e cofinanciado polo programa Interreg España–Portugal (POCTEP) 2021–2027, acaba de abrir unha convocatoria dirixida a empresas, pemes, startups e persoas emprendedoras do ámbito da saúde dixital.
Entre os principais beneficios desta convocatoria destacan o acceso a procesos de co-creación con pacientes, coidadores e coidadoras e profesionais sanitarios, a validación técnica e clínica, o apoio ao deseño centrado na persoa usuaria e a mellora da visibilidade e aceleración da entrada ao mercado.
As solicitudes para acceder á iniciativa poden presentarse ata o vindeiro 20 de outubro con prioridade para as solucións orientadas ao envellecemento, deterioro cognitivo e demencia, área na que botou a andar o proxecto e que conta coa ampla experiencia do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía da USC.