O Centro Sociocultural de Conxo celebrará a súa XXXVIII Semana Cultural desde o venres ata o día 12 cun amplo programa que pón o foco na identidade e imaxinario propios do barrio. Con exposicións e mesas redondas, acutacións musicais e eventos deportivos, o programa está conformado por unha ampla oferta de actividades que lle dan continuidade á celebración do centenario da incorporación de Conxo ao Concello de Santiago.
A XXXVIII Semana Cultural comezará o 5 de setembro coa presentación da exposición “O imaxinario dun barrio”, no CSC Aurelio Aguirre. Trátase dunha mostra de fotografías de Gabriel Tizón, que ao longo dos últimos anos retratou Conxo a través de diferentes actividades que mostran a unión da súa veciñanza e o imaxinario propio do barrio. Será ás 18.00 horas, antes dunha mesa redonda baixo o título “Conxo, 100 anos de identidade”, na que participarán José Luciano Villar, representante da Asociación Veciñal Conxo Aberto, e as veciñas do barrio Mercedes Franqueira González e Carme García Álvarez. O debate estará moderado por Rafael García Ferreira.
A axenda do venres rematará coa primeira edición de “Novas Xeras”, unha iniciativa que pretende darlle un espazo ás novas xeracións musicais emerxentes relacionadas con Conxo. Como mestre de cernimonias exercerá Vituco Neira, de Ruxe Ruxe, que tamén actuará como solista. Con el subirán ao escenario Naxo Ganín, un músico arxentino que reside desde hai tres anos en Compostela; o grupo Mirando Flores; e Rafael Briceño, tamén vinculado ao barrio de Conxo desde hai anos.
Xa no sábado 6 de setembro, a programación trae dúas propostas de interese. Pola mañá, o CSC acollerá un obradoiro de cociña intercultural centrado no mundo do pan, e a maneira de preparalo en diferentes lugares do mundo. A actividade desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas e para participar é preciso inscribirse previamente. Pola noite, a partir das 21.00 horas, a música será a protagonista, co concerto de “De Ninghures”.
A programación continuará no luns 8 de setembro, cun torneo de tenis de mesa, e coa actuación de “Meninos do Pandeiro”, un proxecto de Xan Pérez e Carlos Quintá vinculado a Acentral Folque. Ao día seguinte haberá xogos de rúa a partir das 18.30 horas, baixo o lema “Viaxamos a 1925”; e a partir das 20.00 horas unha mostra de traballos audiovisuais académicos.
Unha ruta ciclista a través do bosque do Banquete de Conxo será a actividade central da programación no 10 de setembro, en colaboración co Club Ciclista Compostelano. A actividade comenzará ás 17.30 horas, con punto de saída desde a praza de Aurelio Aguirre, onde rematará cunha merenda saúdable para todas as persoas participantes. A duración estimada do percorrido é de dúas horas e media.
No xoves 11 de setembro son moitas as actividades previstas, que comezarán ben cedo, ás 9.30 horas, cunha ruta de sendeirismo polas parroquias do sueste do antigo concello de Conxo, da man do Club Vía Láctea. O percorrido, circular, comezará na igrexa de San Cristovo do Eixo, e pasará tamén polas parroquias de Aríns e Marrozos. Xa pola tarde, haberá un obradoiro de imprenta tipográfica creativa, unha sesión de xogos de estratexia, e a actuación de Teatro do Muíño, de Laraño, que presentará a peza “Asalto de cama”.
Por último, na tarde do 12 de setembro haberá xogos tradicionais, populares e do mundo a partir das 17.00 horas; e ás 18.30 comezará o espectáculo de animación á lectura “Contos Animados”, a cargo de Carballiños.