Cristian Silva: "A gaita é o instrumento máis coñecido, pero tamén o máis descoñecido"

O músico presentará o seu novo disco “Un home tranquilo” o 12 de outubro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, acompañado da súa banda e colaboradores nunha posta en escena poderosa e envolvente
Cristian Silva: "A gaita é o instrumento máis coñecido, pero tamén o máis descoñecido"
O seu último traballo, "Un home tranquilo", está disponible para ser escoitado en todas as plataformas

O músico, compositor e produtor carrilexo Cristian Silva chega este 12 de outubro á Sala Capitol de Santiago coa xira do seu novo traballo discográfico, "Un home tranquilo". Este disco está concibido como unha viaxe sonora no que a gaita actúa como fío condutor e no que conviven sen fricción distintos estilos musicais. 

 

Describe o disco "Un home tranquilo" como "a calma aparente que agocha un volcán interior", por que?

É un pouco a vida do músico, xa que moitas veces temos proxectos ou cousas na casa que ninguén ve. Estamos traballando sempre, aínda que non saquemos material novo, sobre todo aos que nos gusta ter un disco completo, xa que agora se leva a inmediatez de sacar un single. Entón, de vez en cando hai una saída a superficie, que é ese disco. Falo desa calma convulsa, por así dicilo, e de todo o que non se ve detrás da música, que é moito. 

 

A gaita actúa como protagonista e fío condutor, por que decidiu darlle este papel?

A pesar de que de pequeno empecei coa percusión e tocaba instrumentos como o órgano ou o acordeón, a gaita sempre estivo aí e sempre foi como a miña debilidade e o instrumento que penso que mellor coñezo. Estou todos os días coa gaita: pensando en como tocar mellor e como facer para completar a miña técnica. Ademais, penso que a gaita aínda necesita moito para estar no lugar que lle corresponde. Moitas veces queda reducida a un símbolo de Galicia, pero ninguén se para a pensar que é un instrumento de verdade que ten moitísimos recursos. Sempre digo o mesmo: a gaita é o instrumento máis coñecido, pero tamén o máis descoñecido. Todo o mundo ven a Galicia a ver a gaita, pero, por exemplo, non se pode estudar no Conservatorio de Santiago. Creo que é necesario que a gaita acade o seu lugar... Tivo outras épocas máis gloriosas, pero agora mesmo quedouse na etiqueta de símbolo cando é un instrumento súper completo que leva acompañándonos moito tempo. 

 

A gaita é a protagonista, pero tamén hai presentes outros recursos como o emprego de pop, folk-rock e diversos estilos. Foi difícil combinar tantos conceptos distintos? 

Eu non son capaz de etiquetar algo. Creo que sería moi difícil que eu traballara nunha tenda de discos e ter que metelos en baldas con etiquetas.  Desde que nacemos estamos cheos de influencias, xa non hai un xénero puro. É certo que as veces ven que estás nun escenario cunha gaita e xa te etiquetan de música tradicional galega, pero o que estamos facendo no escenario é outra cousa: música de autor da que sentimos nós nese momento. Creo que toda a banda está en sintonía comigo, algúns xa levan 10 anos, e as novas incorporacións busquei que estiveran tamén no xénero do jazz, do rock... Para que entenderan un pouco este proxecto porque é unha mestura de todo, como somos as persoas hoxe en día. 

 

Que significa para vostede levar este disco á Sala Capitol? 

A Sala Capitol é un referente dentro da historia da música en Compostela. Toquei con outras bandas alí, pero nunca tiven a sorte de animarme a presentar o meu proxecto. Desta vez, cando sacamos o disco falamos de animarnos a ir á Sala Capitol e, polo menos, quitarnos a espiñiña de tocar en Santiago, que creo que nunca toquei coa banda completa nesta cidade. Toquei con outra moita xente, pero co meu proxecto non. Entón tiña que quitar esa espiñiña de tocar nesa sala con toda a banda. 

 

A banda que leva é numerosa e tamén acudirán ao concerto algúns dos colaboradores, que pode adiantar sobre esa posta en escena? 

É moi potente porque son moitos músicos, comigo somos oito: Suso
Iglesias (acordeón), Efrén Nóvoa (baixo), Miguel Anxo López (batería), Xosé Piñeiro (guitarra), Ana Fernández (pandeireta e voz) e Iria Iglesias (teclados). Para min saír ao escenario e, de repente, ter toda esa banda é un subidón tremendo. 

 

Como lle gustaría que saíra o público do seu concerto na Sala Capitol? Que lles quere deixar?

Pois, sobre todo, quero que salgan contentos e con ganas de máis. O importante para nós, que facemos música, é que a xente te escoite e poidan atopar un anaco de felicidade. Incluso que algunha das historias que contamos, xa sexa nas letras ou nas melodías, os faga sentir reflectidos e os acompañen. Porque a música está para iso, para acompañarnos. 

Cristian Silva: "A gaita é o instrumento máis coñecido, pero tamén o máis descoñecido"

Te puede interesar