A danza compostelá únese na IX Gala Solidaria a favor da infancia

A danza compostelá únese na IX Gala Solidaria a favor da infancia
Siliria Dance Center

O vindeiro sábado 21 de decembro, o Auditorio de Abanca de Santiago de Compostela acollerá a IX edición da Gala Solidaria de Danza, un evento xa consolidado na programación de Nadal da cidade a beneficio da Fundación Tierra de Hombres (Tdh – Axuda á infancia) en Galicia. A gala, que contará coa participación de dúas escolas de danza de referencia na capital, Siliria Dance Center e a Academia Lodanzas, será unha oportunidade para reunir á comunidade compostelá arredor da solidariedade e o apoio á infancia.

 

Baixo a dirección de Silvia Miramontes e Loli Fojón, respectivamente, as dúas escolas de danza levan semanas preparando con ilusión un espectáculo que busca recadar fondos e sensibilizar sobre os proxectos de axuda á infancia que desenvolve a Fundación Tierra de Hombres. Estes proxectos, tal e como explican desde a organización, son posibles grazas a unha ampla rede solidaria de voluntarios, profesionais médicos, hospitais e institucións públicas e privadas que colaboran na súa misión.

 

A gala será conducida pola xornalista María José Rivero, e abrirá coa proxección dun vídeo sobre os proxectos que a Fundación ten en marcha. Ademais, voluntarios e familias de acollida compartirán as súas experiencias, co obxectivo de captar máis apoio entre o público asistente, tanto en forma de voluntariado como de novas familias dispostas a acoller.

 

Para aquelas persoas que non poidan asistir pero que desexen contribuír á causa, habilitouse unha fila cero a través da conta de Abanca: ES88 2080 0036 6730 4001 9673.

 

Desde a organización, agradecen especialmente a colaboración de Abanca Obra Social e Xanela Danza por facer posible este evento solidario que, ano tras ano, reúne a familias e profesorado nun espazo de compromiso, ilusión e axuda mutua.

 

A IX Gala Solidaria de Danza é, sen dúbida, unha cita que combina arte, paixón e solidariedade nunha única xornada para apoiar á infancia máis vulnerable.

A danza compostelá únese na IX Gala Solidaria a favor da infancia

Te puede interesar