A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada pola presidenta e polo vicepresidente da Asociación do Traxe Galego, Consuelo Vázquez e Aurelio Gianzo; e por Eva Calvo, do departamento de comunicación e RRII de El Corte Inglés Santiago, deu conta dos detalles da 46 edición do Día do Traxe Galego, que este ano se celebrará o domingo 20 de xullo.
Esta edición terá dúas características especiais. Por un lado substitúese o tradicional desfile dende a alameda por un desfile máis integrado na cidade vella, con saída dende as 7 portas antigas para confluír na Praza do Obradoiro. Por outra banda, inclúense as pandereteiras coma parte fundamental da animación deste desfile.
A concelleira Pilar Lueiro fixo un chamamento a toda a veciñanza "para que se animen e se vistan con traxes tradicionais", e "aos que non teñen o traxe completo, que ese día saian dar unha volta, a tomar algo, gozar coa ruada e leven algunha peza do traxe como un chapeu, un pano, uns pendentes, un sapo..." co propósito de "encher de alegría e de cor as rúas". A este chamamento uniuse a Asociación do Traxe, que lanzou unha campaña en redes baixo o lema “Eu o 20 poño o traxe, e ti?”.
Esta xornada conta co apoio do Concello de Santiago e co patrocinio de El Corte Inglés, cuxa representante na rolda, Eva Calvo, salientou o compromiso da entidade co Día do Traxe e coas “festas de toda Galicia”. Tamén conta coa colaboración do Hotel San Martiño Pinario, Fixagal, Floristería Lilas e Na Ristra.