Desde as súas orixes, o Motoclub Compostela tratou de reunir un grupo de veciños de Santiago e a súa contorna cun claro nexo en común: a súa afección polas motos. Con períodos de maior ou menor actividade, mantívose sempre vivo e hoxe segue funcionando coa mesma ilusión que hai 70 anos.
Na actualidade son arredor de 280 membros, moitos procedentes de Santiago aínda que algún vén desde outras localidades por diferentes motivos, ben porque viviu no seu día na cidade ou porque ten algún tipo de vinculación con ela. A maioría dos socios teñen por riba de 40 anos, pero tamén hai xente moi nova. Case todos, iso si, son homes.
Agustín Abalde Grela é o presidente do club desde o ano 2006, momento no que o antigo dirixente presentou a súa retirada. Conta que non era a súa intención presentarse ao cargo, pero no último momento tomou a decisión e gañou por maioría absoluta. Os membros da agrupación din que é un bo líder, e así o demostran os case 20 anos que leva no mandato.
O que está claro é que o seu amor polas motos é tan grande coma o do resto dos integrantes. Ademais, segundo explica, é unha paixón que vén de familia: “Primos, tíos… todos somos moi motoristas. O meu avó e o meu pai eran especialmente afeccionados, e desde ben pequeno restauraba motos vellas con eles”.
Primos, tíos… todos somos moi motoristas. O meu avó e o meu pai eran especialmente afeccionados e con este xa desde pequeno me puxen a restaurar motos vellas
Agustín, da man do resto do equipo directivo e apoio dos membros do club, traballa de xeito incansable para que o Motoclub siga en pé. Desde hai 20 anos teñen no estadio municipal Vero Boquete a súa sede, un espazo cedido polo Concello a cambio de mantelo acondicionado. Nela conservan unha pequena parte da historia da asociación en forma de recordos, insignias ou material fotográfico. Á par, úsana como centro de reunión e para programar as diferentes actividades que organizan.
Dentro do mundo do motociclismo, a variedade de gustos e intereses é enorme. No plano do deporte as áreas van desde o freestyle, o motocross e ata chegar ao speedway. Tamén hai vehículos diferentes. Unhas son de turismo, outras máis indicadas para a velocidade, e motos clásicas ou modernas.
Desde o Motoclub Compostela tratan de satisfacer esta multiplicidade coa realización de competicións e actividades para os diversos ámbitos. Actualmente, están a dedicar moitos esforzos ao dirt track, unha modalidade que consiste en dar voltas a unha pista chá de area.
Logo de tres anos tentando conseguir a aprobación do Concello de Santiago para construír un circuíto no municipio, desistiron e foron para Brión: “O dirt track é unha práctica divertidísima, e nós vimos de inaugurar o primeiro circuíto oficial e permanente aquí en Galicia, en Brión, despois de só mes e medio de diálogos”
O dirt track é unha práctica divertidísima, e nós vimos de inaugurar o primeiro circuíto oficial e permanente aquí en Galicia, en Brión, despois de só mes e medio de diálogos
Agustín explica que o dirt track é unha práctica que non interesa a unha parte dos moteiros, pero iso pasa con todos os eventos, igual que “cando facemos actividades con motos modernas os socios das clásicas non se apuntan” ou que “o que fai velocidade non ten nada que ver cos amantes do trial”. Con todo, fai un apunte: “Tamén estamos os apaixonados aos que nos gusta todo, pero somos poucos”.
Entre as actividades máis destacadas están a Ruta Rosaliana de motos clásicas, a máis antiga do club e que consiste nunha saída ata Padrón, e o Gentleman Rider, un paseo en moto para recadar fondos para enfermidades masculinas e que ten lugar o mesmo día en 230 cidades de todo o mundo. O Motoclub faina en Compostela.
Asemade, o equipo conta con cargos oficiais da Federación Galega de Motociclismo, así como da española e da internacional. Nese sentido, como están homologados tamén colaboran con estas entidades na organización de probas, non só de motos senón de calquera disciplina que precise de vehículos de apoio coma o ciclismo ou as carreiras pedestres. Normalmente, axudan tanto na promoción e xestión destes eventos.
Todo agrupamento necesita o seu relevo, tamén o Motoclub Compostela despois de tantas décadas de existencia: “Facémonos maiores”, recoñece o seu presidente.
Desde a asociación tratan de axudar aos máis cativos na súa inclusión no motociclismo a través do pago das súas licencias deportivas, “especialmente as de aqueles que vemos que teñen dificultade para pagala ou que destacan”. Entre tres e catro pilotos se benefician anualmente desta contribución. Do mesmo xeito, é considerable o volume de actividades que promoven para a rapazada, en concreto triais, que son probas de obstáculos.
Un motoclub caracterízase por compartir experiencias coas motos. Así, as viaxes que se realizan no vehículo e, moi especialmente, a compaña durante as mesmas son o que lle dá sentido ao club. Todos os fins de semanas hai grupos de moteiros que atopan unha escusa para ir de ruta a algún lugar, “e aproveitan as paradas para visitar novos espazos e socializar”
Agustín apunta que no motociclismo non se dá esa rivalidade característica doutros deportes, considera que é unha actividade na que se xeran vínculos fortes moi rápido e na que “apenas hai liortas, independentemente de que a alguén lle guste máis unha modalidade que outra ou un piloto ou outro. É unha afección sá e natural”.
No motocliclismo apenas hai liortas, independentemente de que a alguén lle guste máis unha modalidade que outra ou un piloto ou outro. É unha afección sá e natural
Hoxe, o motociclismo pasa por unha etapa de cambios caracterizada polo achegamento a novas disciplinas por parte de xente maior ou incluso por persoas sen experiencia en moto. As motivacións para optar pola moto como vehículo e afección son moitas e persoais, pero Agustín, coma moitos outros, teno claro: “Sempre se vincula a moto coa sensación de liberdade. Un desfruta conducindo, e cando sae a rodar concéntrase na viaxe e esquécese de todo o demais”.