Ecos dun verán: a webserie para reconciliarse co eu do pasado

Álex Tajuelo e María Rego de la Torre son as artífices deste proxecto composto por catro episodios e que nace como traballo de fin de grao da Universidade de Santiago. Buscan facer reflexionar ao espectador sobre os cambios polos que pasamos como persoas
Ecos dun verán: a webserie para reconciliarse co eu do pasado
Álex Tajuelo e María Rego de la Torre

Como persoas, evolucionamos. O noso eu da infancia non é igual que o da adolescencia; tampouco que o da idade adulta. Compoñémonos de diferentes versións de nós mesmos, e ao longo da vida imos deixando pegadas diferentes na memoria dos demais.

 

A reflexión sobre o eu, sobre a propia identidade, é o fío condutor de ‘Ecos dun verán’, unha webserie de ficción creada por Álex Tajuelo e María Rego de la Torre. A través dunha cámara, a protagonista desta historia “vai revisitar os vídeos que gravou durante o verán que cambiaría a súa vida, ata chegar a un punto de inflexión no que ten que repensar quen é realmente e facer as paces con quen foi no pasado”.

 

Rodaxe ecos dun veran
Rodaxe de 'Ecos dun Verán' | CEDIDA

 

A serie, composta por catro episodios, foi o xermolo dun traballo de fin de grao da Universidade de Santiago que, como acontece en ocasións, traspasou as fronteiras da facultade: “Foi a escusa para materializar unha idea que tiñamos desde facía xa un ano, logo de ver o capítulo piloto dunha webserie producida por uns creadores de contido aos que seguíamos”, explica Álex.

 

Un traballo de fin de grao implica, as máis das veces, lograr levar a bo porto un proxecto en moi pouco tempo. Álex e María traballaron a contra reloxo, sen pausa mais sen présa. A elección do formato webserie pareceulles a axeitada por iso mesmo: “Á parte de que nos gustaba, é máis sinxelo como primeiro proxecto, require de pouco orzamento”, indica María.

 

De outubro a xaneiro realizaron un inxente labor de revisión bibliográfica, estudando referencias que poderían axustarse á idea que querían materializar e consultando artigos sobre audiencias e o propio formato escolleito. En febreiro xa comezaron coa parte creativa, que estivo caracterizada por contar con “moita cafeína de por medio”, asegura María. 

 

Día a día reuníronse no piso desta última para pensar nas ideas e os puntos centrais sobre os que se movería o proxecto. “Compramos unha lousa para apuntar todo o que se nos ocorría, desde o inicio fixemos un traballo moi colaborativo e apenas houbo división de tarefas”, declaran.

 

Un equipo cálido

 

Para Álex e María foi fundamental a axuda que recibiron ao longo do proceso de rodaxe. O equipo técnico estivo conformado fundamentalmente por compañeiras da súa facultade, e a través de contactos conseguiron completar o persoal que precisaban. Para o reparto levaron a cabo un casting: “Non tiñamos nada de experiencia neste ámbito, pero estivo moi ben. Presentáronse case corenta persoas. Moitísimas mulleres e persoas non binarias. A única dificultade foi que homes só se apuntaron catro, para tres papeis”. 

 

Elenco ecos dun veran
Protagonistas de 'Ecos dun Verán' | CEDIDA

 

María e Álex subliñan a boa relación e entendemento que houbo entre todos os compoñentes durante os días que traballaron xuntos: “Se algo destacou é que houbo moi  bo rollo e comunicación. Tiñamos moi pouco tempo para realizar a rodaxe, pero todos tiñan moi clara a idea e iso facilitou as cousas”, manifesta Álex. “Nin a cámara, nin a sonidista, nin ninguén tiña medo de dicirnos cando algo non estaba quedando ben, o que nos permitiu conseguir un resultado óptimo”.

 

Álex e María baseáronse en referencias audiovisuais que lles permitiron guiar o proceso de traballo e creación, tales como a miniserie tamén galega ‘Pringadas’ (Belén Puime, 2022) ou a galardoada ’20.000 especies de abejas’ (Estibaliz Urresola Solaguren, 2023). 

 

Destacamos que houbo moi bo rollo e comunicación. Tiñamos pouco tempo para realizar a rodaxe, pero todos tiñan moi clara a idea e iso facilitou as cousas

 

Aínda tendo as liñas de acción moi claras, a semana de rodaxe non estivo exenta de complicacións: “Fun fact: para a presentación do TFG dedicamos unha diapositiva enteira ás dificultades”, comenta entre risas María. Para comezar, a webserie chámase ‘Ecos dun verán’, pero choveu todos os días, malia gravar en maio. “Para a rodaxe en exteriores é evidente que é un inconveniente, pero ata nos interiores tiñamos o problema de que se escoitaba a chuvia de fondo, iso sumado aos cambios de luz continuos”, explican.

 

Para aproveitar os tempos mortos que inevitablemente tiveron, eses ocos nos que gravar era tarefa imposible, fixeron ensaios. Tiñan un Airbnb alugado para a rodaxe e, o último dos días que o tiñan dispoñible, comezou a saír o sol: “Aproveitámolo ao máximo para gravalo todo, e ao final de aí saíron algunhas das escenas que máis nos gustan”, di Álex. 

 

Houbo un día no que o equipo veu de favor, un día no que non tiñamos pensado gravar pero que o necesitábamos, e de aí saíu unha das escenas máis chulas, que ten lugar nun autobús”, indican. 

 

Houbo un día no que o equipo veu de favor, un día no que non tiñamos pensado gravar pero que o necesitábamos, e de aí saíu unha das escenas máis chulas, que ten lugar nun autobús

 

Co resultado amósanse súper contentas. Con labores de corrección de cor lograron salvar planos que nun inicio non se vían como esperaban. 

 

Preto da estrea

 

Chegar ata o punto no que se atopan hoxe foi un proceso laborioso, pero cheo de boas experiencias e sensacións. Inmersas na etapa de posprodución, a súa idea é mover a serie por festivais para dala a coñecer e despois publicala en aberto. 

 

Equipo ecos dun veran
O equipo de 'Ecos dun Verán' ao completo | CEDIDA

 

O ano pasado xa estiveron no Carballo Interplay, unha experiencia que cualifican como proveitosa porque lles permitiu mellorar o seu ritmo de traballo: “Non contabamos con presentarnos, pero era algo co que fantasiabamos desde a edición anterior cando asistimos de público, así que puxémonos a facer un teaser con arquivo persoal. Cinco días tivemos”, lembran. Quedaron con boas sensacións ao ver que ao público lle interesaba a súa idea. 

 

Antes de que ‘Ecos dun verán’ estea dispoñible para todo o mundo os mecenas da serie terán a oportunidade de vela en primicia. A webserie foi posible en parte grazas ás achegas económicas de persoas que decidiron apoiar o proxecto a través dun crowdfunding no que conseguiron algo máis de mil euros: “Con iso recuperamos a inversión que tivemos que facer ao principio para poder sacar adiante o proxecto”. 

 

Tamén agradecen o labor de persoas que as axudaron a perfeccionar os últimos detalles da webserie, como Gloria Pavía, artífice da canción da intro e deseñadora do logo da serie e das etiquetas da mesma. 

 

Non lles queda máis que animar aos potenciais espectadores a ver a serie cando saia á luz: “En ‘Ecos dun verán’ van poder ver algo co que se sentirán identificados. É un contido feito por xente nova, con poucos recursos, e iso vese na temática e no ton. Con ‘Ecos dun verán’ queremos invitar a reflexionar sobre os cambios polos que pasamos como persoas”.

Ecos dun verán: a webserie para reconciliarse co eu do pasado

Te puede interesar