A literatura galega está de aniversario. Editorial Galaxia, un dos piares fundamentais da nosa cultura, celebra o seu 75 aniversario cunha exposición itinerante que arrancou esta tarde na Sede Afundación de Santiago de Compostela. Baixo o título "Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia", a mostra reivindica o papel clave da editorial na evolución cultural de Galicia e na súa proxección exterior desde a súa fundación en 1950.
A inauguración contou coa presenza de destacadas figuras institucionais e culturais, entre elas a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; e os máximos responsables da editorial, Antón Vidal Andión e Xosé Manuel Soutullo. Tamén estiveron presentes numerosos escritores, editores e persoeiros do mundo da cultura, convertendo o evento nun punto de encontro para a literatura galega.
Comisariada polos expertos Henrique Monteagudo, María Dolores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, a exposición percorre os fitos máis salientables da traxectoria de Galaxia a través de catro bloques temáticos. Desde os primeiros pasos de autores como Castelao ou Otero Pedrayo ata a nova xeración literaria do século XXI, pasando polo ensaio, a literatura infantil e xuvenil e a proxección internacional do galego, "Crear porvir" ofrece unha visión global da edición en lingua galega durante o franquismo e a democracia.
O deseño expositivo, a cargo do estudo Desoños, propón unha innovadora estrutura en forma de bosque con elementos móbiles e un túnel do tempo que guía aos visitantes polos momentos máis significativos destes 75 anos de historia. Ademais, a mostra inclúe unha peza audiovisual dirixida por Ana Viqueira e producida por Nós TV, que recolle testemuños de figuras clave vinculadas á editorial.
Tras a súa estancia en Santiago de Compostela, a exposición emprenderá unha viaxe polas sete grandes cidades galegas ao longo de 2025. As próximas paradas serán Lugo en abril, Ourense en maio, Ferrol en xullo, Pontevedra en setembro, A Coruña en outubro e, finalmente, Vigo, onde pechará o seu percorrido entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026.
Con preto de 3.500 títulos publicados e máis de 1.500 autoras e autores no seu catálogo, Editorial Galaxia consolidouse como un proxecto fundamental para a dignificación da lingua galega. Ao longo destes anos, recibiu recoñecementos tan destacados como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, reafirmando o seu compromiso coa identidade e modernización cultural do país.
A mostra poderá visitarse na Sede Afundación de Santiago de Compostela de luns a sábados, en horario de 12.00 a 14.00 h e de 16.30 a 20.30 h.