O outono chega ao CGAC con dúas exposicións que mesturan arte, ciencia e crítica cultural

"Percepción e incerteza" abrirá o 26 de setembro cun diálogo entre arte, tecnoloxía e ciencia, mentres que "Nicasso" chegará o 10 de outubro como crítica á pegada picassiana
O outono chega ao CGAC con dúas exposicións que mesturan arte, ciencia e crítica cultural
A exposición "Nicasso" completaráse cun filme e documental que cuestionan a influencia cultural de Picasso

O outono traerá novidades expositivas ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que incorporará dúas propostas de gran interese na súa programación. O 26 de setembro abrirá as portas "Percepción e incerteza", unha mostra colectiva con obras de Jaione Camborda, Max de Esteban e Joan Fontcuberta, mentres que o 10 de outubro será a quenda de "Nicasso", a nova creación do artista Carlos Pazos. 

 

"Percepción e incerteza"

En 1999, o CGAC foi escenario dun encontro entre ciencia, tecnoloxía e arte que reuniu figuras como Roald Hoffmann, Michel Rio ou Marina Abramović. Aquel ciclo, titulado "The Special Plenary Series on Science, Technology and the Arts", buscaba tender pontes entre práctica e teoría, lóxica e estética, feitos e imaxinación. 

 

Vinte e seis anos despois, no actual contexto de avances científicos e tecnolóxicos que transforman a nosa vida cotiá, o museo recupera ese espírito cunha nova proposta: "Percepción e incerteza". A mostra parte da idea de que a tecnoloxía non só modifica as prácticas artísticas, senón tamén a nosa forma de comprender o mundo, introducindo a incerteza como motor crítico e creativo.

 

Con obras de Joan Fontcuberta, Max de Esteban e Jaione Camborda, a exposición propón unha experiencia inmersiva arredor dos límites da imaxe e da tensión entre percepción e incerteza. Fontcuberta explora a potencia da intelixencia artificial como xeradora de novos universos visuais; De Esteban alerta, a través dun díptico de ton distópico, sobre os riscos da manipulación científica ao servizo da bioeconomía e da infopolítica; e Camborda mergulla ao espectador na experiencia sensorial dunha persoa xordocega, convertendo a súa instalación nunha metáfora das contradicións e posibilidades do mundo cuántico.

VIDEO AFOREST A copia
A exposición "Percepción e incerteza" recupera no CGAC o espírito dun ciclo celebrado en 1999 que reuniu figuras como Roald Hoffmann, Michel Rio ou Marina Abramović

 

"Nicasso"

Unha obra creada en 2006 por Carlos Pazos que nace como unha crítica a Picasso, tomando como punto de partida a célebre produción cerámica que o artista malagueño desenvolveu en Vallauris entre 1948 e 1955. "Nicasso" reúne unha colección de cerámicas representativas do Vallauris posterior á influencia picassiana. 

 

A instalación complétase co filme "Nicasso, la película", unha colaxe de escenas de películas comerciais entre 1950 e 2000 nas que Picasso aparece evocado como símbolo de extravagancia, e cun vídeo documental de Vicens Vacca sobre a primeira presentación pública da obra no Museu Abelló. Nesa ocasión, a peza exhibiuse nun escaparate aberto á rúa, dispoñible para a mirada dos transeúntes as 24 horas, reforzando a ironía e o espírito crítico que caracteriza a obra de Pazos.

O outono chega ao CGAC con dúas exposicións que mesturan arte, ciencia e crítica cultural

Te puede interesar