Esta noite, o Teatro Principal de Santiago de Compostela será testemuña da estrea absoluta de ‘Guerra’, a última creación de Eduardo Alonso (Vigo, 1948), unha das figuras máis destacadas do panorama teatral galego. Escritor e director desta obra, Alonso conseguiu sintetizar en ‘Guerra’ a tensión dramática, a ironía e o simbolismo que caracterizan a súa traxectoria artística, entregando unha peza que promete non deixar a ninguén indiferente.
A obra, que abre a programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2025 de Compostela Cultura, parte dunha premisa poderosa: un teatro reducido a ruínas por un bombardeo no corazón de Europa. Entre os escombros, emerxen personaxes universais do teatro clásico e moderno, desde Shakespeare ata Lorca, nunha evocadora alegoría sobre os conflitos que marcaron a historia e que seguen definindo o presente.
Baixo esta premisa e cun elenco encabezado por Luma Gómez, Miguel Pernas e Sabela Hermida, ‘Guerra’ non busca só entreter; tamén pretende convidar o público a reflexionar sobre a condición humana e a inevitabilidade dos conflitos, tanto externos como internos. Así, a posta en escena combina referencias literarias, a música orixinal de Bernardo Martínez e a escenografía de Carlos Alonso para erguerse como un exemplo do poder transformador que ten o teatro.
Como xurdiu a idea orixinal de ambientar ‘Guerra’ nun escenario destruído tras ser bombardeado en medio dun conflito?
Inspírase nunha das primeiras accións que ocorreron na guerra de Ucraína. Os rusos bombardearon o teatro máis importante da cidade Mariúpol, que acabou totalmente destruído. Ademais, este estaba cheo de refuxiados que pensaban que ninguén se atrevería a bombardear un teatro. Este feito levoume a pensar que pasaría cos espíritos das personaxes de todas as obras que se representaron nese lugar, e de aí parte este texto.
Que significado persoal ou profesional ten para vostede estrear a función en Compostela?
É como facelo en casa, aínda que hai tempo que non visitamos o Teatro Principal de Santiago. É un espazo moi querido para min. Estou moi cómo nel; hai unha proximidade que moitos outros escenarios non teñen.
Na obra aparecen numerosas figuras literarias de diferentes países, estilos e movementos culturais.
Que criterio usou para elixir aos autores aos que quería homenaxear?
Elixín a escritores clásicos que, dun xeito ou outro, tratan a guerra na súa obra. Por exemplo, aparecen moitos conflitos nos textos de Shakeaspeare. Tamén nos de García Lorca, especificamente na súa ‘Comedia sen título’. O mesmo con outros autores, como Brecht ou Valle-Inclán, que abordaron a guerra en diferentes libros.
Como foi o traballo cos actores que compoñen o elenco?
Foi un traballo complicado, tanto para eles como para min. As personaxes que fan están creadas a partir de múltiples ideas. Ademais, estes non recollen características concretas, senón diferentes esencias. Polo tanto, interpretan algo máis próximo a unha alegoría que a unha personaxe, e iso é moi difícil.
Que papel cre que ten o teatro como ferramenta para reflexionar sobre os conflitos bélicos?
O teatro está para explicar a vida e axudar a entender a humanidade, pero tamén para divertir e facer que a xente o pase ben. É unha forma de reflexionar sobre o entorno; de estar no mundo.
Que lle diría ao público compostelán que aínda non comprou entrada para a estrea de ‘Guerra’?
Que veñan. Penso que sairán encantados e que o pasarán ben. Poderán entender moitas cousas e, sobre todo, sairán moito máis contentos do que entraron.