Entrevista | Exeria: Rock alternativo en galego con sabor a Nirvana e Oasis

A banda grunge ponteareá vén de actuar na sala Embora de Compostela como parte da súa xira ‘Sobre a independencia’, cuxa próxima data é o concerto previsto en Ourense o día 29
Entrevista | Exeria: Rock alternativo en galego con sabor a Nirvana e Oasis
De esquerda a dereita: Diego (Batería), Miguel (baixo), Martín (guitarra) e Mateo (voz) | CEDIDA

Grunge, britpop e rock alternativo en galego con influencias dos anos 90 é unha combinación máis que interesante. Se ademais os intérpretes son catro coñecidos de toda a vida, o resultado é o grupo Exeria.

 

 


A banda formada en Ponteareas atópase inmersa na xira do seu último traballo —‘Sobre a independencia’— a cal deu comezo en marzo e vén de manifestarse en Santiago como un memorable concerto na sala Embora.

 

Como e por que nace Exeria?
Todo empezou na pandemia e coa idea de facer grunge en galego. A partir desa idea orixinal, cada integrante do grupo foi achegando as súas influencias ata chegar ao punto actual. Gústanos explorar a música e, sobre todo, ver por onde nos pode levar.

 

O voso estilo é moi diferente ao que se pode atopar agora mesmo no panorama musical galego. Cales son os grupos ou artistas que máis vos inspiran?
Tres dos integrantes de Exeria formaban parte dunha banda tributo a Nirvana, así que esta seguramente sexa a maior influencia, aínda que tamén hai outras como Radiohead ou Oasis.

 

 

 

Que queriades transmitir co voso último álbum ‘Sobre a independencia’?
O fío condutor, que é o que lle dá nome ao disco, é a independencia, pero nun sentido máis emocional, incluso sentimental. Refírese a non depender doutras persoas; ser un mesmo, ser quen de sobrelevar os golpes recibidos e refacerse das malas experiencias.

 

Que vos parece Compostela? É agradecida con vós?
Ben. É unha cidade onde se agradece moito a actividade cultural. De feito, ao ser universitaria sempre hai moita xuventude disposta a moverse e saír, aínda que non é todo xente nova. Hai persoas de todas as idades ás que lles gusta achegarse a un concerto e descubrir novos grupos.

 

Normalmente os concertos que se fan aquí son dun estilo algo diferente. Como acolle a cidade unha proposta así de alternativa?
O certo é que o estilo de Exeria non é o que máis se está a cultivar neste último lustro, pero cremos que se fas as cousas ben sempre tes espazo para que a alguén lle chame a atención e queira apostar por ti.

 

Exeria 2
Exeria

 

De aquí a dez ou quince anos, onde quere estar Exeria?

Esperamos ter varios discos e moitas horas de directo sobre as nosas costas, pero especialmente gustaríanos para entón ter xa pisadas todas as salas de Galicia e parte das do estranxeiro, coma quen di. 

Entrevista | Exeria: Rock alternativo en galego con sabor a Nirvana e Oasis

Te puede interesar