O Entroido volve a Santiago cunha nova edición do tradicional desfile-concurso, que terá lugar o martes 4 de marzo, e que premiará os mellores disfraces en diversas categorías.
Os premios están destinados a recoñecer o talento e a creatividade de carrozas, comparsas, grupos, parellas e disfraces individuais. As carrozas competirán por tres galardóns de 2.500, 1.500 e 1.000 euros, mentres que as comparsas, compostas por un mínimo de 15 persoas, recibirán premios de 2.000, 1.500 e 1.000 euros. Para os grupos, formados por entre 3 e 14 integrantes, haberá recoñecementos de 700, 400 e 200 euros.
Tamén se premiará a mellor parella con 300 euros, e aos tres mellores disfraces individuais, que recibirán 300, 200 e 100 euros, respectivamente. Ademais, as comparsas procedentes das parroquias e barrios de Compostela terán unha categoría propia, con tres premios de 1.200, 600 e 400 euros.
O desfile arrancará ás 17.30 horas na avenida de Ferrol e percorrerá rúas emblemáticas como Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, ata rematar na avenida de Xoán Carlos I. A entrega de premios terá lugar posteriormente na Sala Capitol, situada na rúa Concepción Arenal.