A escola que anima a moverse por Santiago sobre patíns

Compostela Patina é o proxecto de Helena e Antía, dúas mozas que ofrecen clases de patinaxe en liña desde unha perspectiva lúdica e sostible. Reciben nenos, adultos e familias que desfrutan xuntos de tempo de calidade mentres descobren un novo deporte
A escola que anima a moverse por Santiago sobre patíns
Helena Gascón e Antía Oubiña, fundadoras de Compostela Patina

Manter un estilo de vida saudable pasa por realizar un pouco de exercicio físico diariamente, ademais de coidar a alimentación. Porén, facer deporte non ten por que ser un castigo. Lonxe de velo coma unha obriga, é importante tomalo como unha oportunidade para desconectar do estrés diario e compartir un anaco de diversión con outras persoas

 

Hai xente que se decanta por anotarse a equipos ou clubs dunha especialidade deportiva determinada en lugar de ir a un ximnasio. Con todo, é frecuente que estas entidades estean enfocadas á competición, polo que o progreso na disciplina se fai imperante e dilúese a concepción de pasatempo. 

 

Ante esta realidade, dúas mulleres decidiron abrir en Compostela unha escola de patinaxe para achegar este deporte a todo o mundo cunha perspectiva lúdica e recreativa, sen atafego e para, simplemente, gozar da cidade sobre rodas. Helena Gascón e Antía Oubiña están detrás de Compostela Patina, que iniciou a súa andaina en febreiro deste ano. 

 

Compostela patina monitora
Helena, durante unha clase

 

Helena e Antía coñecéronse en Madrid. Ambas eran profesoras de patinaxe e decidiron vir para Galicia para poñer en marcha o seu proxecto e valorar a demanda que podería ter nunha pequena cidade como Santiago. Helena, natural de Barcelona e con formación en márquetin, encargouse de facer o estudo de mercado, de crear a marca e encárgase de todo o vencellado coa comunicación, ademais de ser monitora. Antía, de Santiago de toda a vida, é adestradora persoal e encárgase así mesmo da formación en Compostela Patina. 

 

En Compostela Patina ofrecen clases de patinaxe para nenos, adultos e familias. No pouco tempo que levan en activo xa teñen varias decenas de alumnos que se anotaron por diferentes motivos: pais que buscaban unha afección para os seus fillos, persoas máis maiores que sempre quixeron aprender a patinar pero que non tiveran antes a oportunidade…

 

As familias, pola súa banda, veñen para compartir un tempo de calidade xuntos, mentres practican un deporte. Asemade, Helena e Antía destacan a grande cantidade de xente que vai aprender a patinar para poder moverse pola cidade de xeito sostible: “queren aprender e ter a capacidade para facer rutas, utilizan a patinaxe como un método de mobilidade sostible”.

 

Moito alumnado quere aprender e ter a capacidade para facer rutas, utilizan a patinaxe como un método de mobilidade sostible polas rúas de Compostela

 

En contra do que puidese parecer, Santiago é unha cidade apta para a patinaxe. Helena e Antía explican que, se se evitan certos treitos coma os de costas, a zona nova é fácil de percorrer sobre rodas. Tamén a zona vella, pero esixe un nivel máis elevado. Asemade, estanse a crear moitos carrís bici e sendas, como a que unirá O Milladoiro con San Caetano, “que van dar para moitos percorridos”.

 

Elas traballan a patinaxe en liña, que é de por si unha especialidade pensada para o desprazamento que facilita esquivar obstáculos. Ademais, apuntan a vantaxe de que “as persoas que van sobre patíns son consideradas peóns, polo que poden moverse pola beirarrúa evitando os riscos de circular polas estradas estreitas de Santiago”.

 

Por toda a cidade

 

As clases de Compostela Patina non teñen lugar nun espazo determinado. Empregan diferentes áreas da cidade para practicar, sexan zonas semi cubertas cando chove ou lugares ao aire libre, rúas ou pistas. Están pendentes de solicitar o uso doutras pistas privadas, sobre todo de cara a eses días nos que a chuvia dificulta máis a tarefa de atopar unha localización axeitada. 

 

As aulas, que adoitan ter unha duración dunha hora, están pensadas para ofrecer unha atención personalizada a todos os participantes. Por iso hai un máximo de 10 prazas nos grupos de iniciación, 12 nos máis avanzados e entre oito e 10 nas familias, pola dificultade de xestión neste último caso. O obxectivo é lúdico e social á par que didáctico. 

 

Ademais das clases ordinarias teñen cursos específicos. O de iniciación dura tres horas (espalladas en tres sesións) nas que unha persoa que nunca patinou pode aprender a erguerse, facer xiros e frear. As formadoras explican que “a aprendizaxe é continua, empregamos unha metodoloxía de ensinanza progresiva e que vai en incremento, de modo que se van adquirindo novas técnicas e vaise subindo o nivel paso a paso”.

 

A aprendizaxe é continua, empregamos unha metodoloxía de ensinanza progresiva e que vai en incremento, de modo que se van adquirindo novas técnicas e vaise subindo o nivel paso a paso

 

Asemade, ofrecen formación en disciplinas coma o slalom e máis para adiante teñen pensado organizar aulas para aprender concretamente a patinar en costas, por zonas urbanas, para derrapar…

 

Compostela patina alumna
Unha alumna practicando con conos

 

Un deporte inclusivo

 

Ademais da súa dimensión lúdica, Compostela Patina caracterízase por divulgar uns valores inclusivos e respectuosos coa comunidade no seu conxunto durante as clases. O primeiro deles, o respecto á lingua galega. Helena é de Barcelona pero fala un galego perfecto que se encargou de aprender na escola de idiomas en canto tivo a oportunidade: “non son galega pero recoñezo a importancia da lingua e debemos potenciala”, indica. 

 

A maiores, tentan falar en feminino (a maioría das súas alumnas son mulleres) e, se é posible, en neutro. Prefiren referirse a persoas antes que a un xénero en concreto. Tamén tentan dar a ver que todo o mundo pode patinar, independentemente do seu corpo ou da súa idade: “para nós a patinaxe non é capacitista. Temos ata persoas de 70 anos que patinan con nós”.

 

Compostela patina xogo
A patinaxe desfrútase en familia desde unha perspectiva lúdica

 

En Compostela Patina fomentan o deporte como unha práctica saudable física pero tamén mentalmente, de aí o esforzo en xerar comunidade, potenciar o compañeirismo e crear unha contorna segura. Cos nenos, ademais, traballan de eliminar a concepción do deporte como obriga para que pase a verse como unha actividade “que apetece facer”. 

 

Helena e Antía destacan as posibilidades da patinaxe como método de mobilidade para todos aqueles que aínda dubiden se animarse a probar ou non: “é un deporte novo que se pode facer en calquera lugar, os patíns son fáciles de transportar e son moi útiles durante as vacacións para visitar lugares sen ter que depender do transporte, pero tamén para gozar dunha ruta pola cidade ou os arredores”. 

 

Antía asegura que coa patinaxe “un descobre un mundo diferente” e Helena non deixa de asegurar que “todo o mundo o pasa moi ben”. Para todos aqueles que queiran facer deporte sen se dar de conta e, á par, gozar de tempo de lecer en compañía, Compostela Patina é a onde deben acudir.

A escola que anima a moverse por Santiago sobre patíns

Te puede interesar