Máis alá da súa vertente lúdica, os xogos poden ser unha excelente ferramenta de aprendizaxe. Diso non ten ningunha dúbida Sandra, a fundadora de EscondiT, a única xoguetería educativa de Compostela e que destaca pola súa ampla oferta de produtos destinados a todas as idades.
Sandra Villaverde de Francisco abriu EscondiT o 18 de decembro do 2018, “xusto coincidindo coa campaña de Nadal”, lembra con emoción. A súa predilección polos xogos comezou cando aínda era estudante: “un verán comecei a traballar na librería Abraxas, un espazo mítico da cidade que lamentablemente pechou no 2012. Alí descubrín que o xogo non era só para nenos nin para pasar o tempo, senón que podía ser unha ferramenta brutal de aprendizaxe e un vehículo de socialización”, indica.
Cando era estudante traballei na librería Abraxas e alí descubrín que o xogo podía ser unha ferramenta brutal de aprendizaxe e un vehículo de socialización
Despois do peche de Abraxas, Compostela quedou sen o único referente do xogo educativo que tiña. Sandra sentía que a cidade precisaba dun lugar con esa mesma filosofía, “e tamén notaba que faltaba un espazo para manipular e convencerse da utilidade do xogo”, explica. Esa é a sinal de identidade de EscondiT.
EscondiT atópase en plena avenida Rosalía de Castro, no centro da cidade. É un local amplo, ben distribuído e dividido en dúas seccións ben diferenciadas: unha dedicada á exposición de produtos e á súa venda, e outra orientada á práctica do xogo en si mesma.
Esta sala acolle cada tarde diferentes actividades, desde xadrez ata papiroflexia. O obxectivo é que os participantes gocen dunha xornada lúdica á par que educativa, mentres descobren o potencial que cada xogo pode ter para desenvolver determinadas competencias: “estamos abertos a todo tipo de actividades, aínda que sexan descoñecidas. Se alguén chega e nos di que sabe facer algo, por moi estraño que soe, nós dámoslle un espazo para compartir o seu coñecemento”, explica Sandra.
Deste xeito, EscondiT énchese con frecuencia grazas á ampla oferta do local, que abre a porta ao descubrimento dos máis innovadores xogos. Curiosamente, son os universitarios os principais participantes das sesións vespertinas.
A atención en EscondiT é moi personalizada. Non é unha xoguetería ao uso, polo que os clientes non se achegan aos estantes para coller o primeiro xogo que lles chama a atención: “eu fágolles preguntas de cara a descubrir que tipo de xogo lles pode encaixar mellor. A miña función é asesorar e, se acertas, eses clientes van confiar de novo en ti”.
Os motivos que levan a alguén a EscondiT son variados, e desde logo non teñen que ver coas tendencias do momento. O obxectivo de base sempre vai ser o interese por aprender algo novo, por intervir no desenvolvemento educativo tanto de nenos coma de adultos. Por iso teñen clientes de todas as idades. Moitos adultos acoden á xoguetería non só pensando nos seus fillos, senón tamén en pais e avós.
Sandra traballa con todo aquel produto ao que consegue sacarlle un rendemento educativo. Como profesora de actividades extraescolares e investigadora e divulgadora do potencial do xogo, logrou reunir ao longo do tempo un amplo catálogo de estratexias para traballar distintas competencias desde o exercicio recreativo.
De aí que ademais de levar as rendas de EscondiT oferte talleres para profesores nos que lles achega pautas sobre como empregar distintos xogos en función da materia e os contidos que se queiran abordar.
Ademais, Sandra é unha verdadeira apaixonada da educación especial e defende que o xogo “é a mellor maneira para incluír a todo o alumnado, porque se adapta aos diferentes ritmos de aprendizaxe”. Nese sentido, sostén que é un erro que os estudantes con necesidades específicas de apoio educativo ou, en xeral, con calquera dificultade, traballen con recursos diferentes aos dos seus compañeiros.
Un dos maiores valores de EscondiT é que apoia aos artesáns locais. Varios dos xogos que promociona nos seus estantes son reliquias únicas pensadas por persoas verdadeiramente comprometidas co seu potencial educativo.
Entre os produtos máis demandados está un mapa en formato puzzle das comarcas de Galicia, e que serve para aprender xeografía. O artesán creador ten versións de moitos lugares, pero o de Galicia é o que máis éxito ten. No tocante a outros xogos enxebres é posible atopar a baralla do camiño de Santiago, un mapa emocional de Compostela e o Ultreia, un xogo mítico tamén sobre a ruta Xacobea.
Para coñecer a historia, EscondiT tamén acolle un xogo sobre o naufraxio do Santa Isabel na illa de Sálvora e que detrás esconde un relato curioso: “a artesá quería facer un xogo para renderlle homenaxe a esas heroínas que salvaron tantas vidas no naufraxio. Aceptou que podería quedar frouxo, pero finalmente quedou un produto moi xogable e que ten moitísimo éxito á par que valor”, asegura Sandra.
A maiores, Sandra sempre intenta estudar cada xogo para descubrir novas alternativas educativas. Así, un artigo pensado para fomentar as competencias lingüísticas pode ter asemade potencia para traballar a estratexia ou o traballo cooperativo.
Sandra ten claro que todos os xogos educativos contribúen ao desenvolvemento de tres piares básicos: a resolución de problemas, a curiosidade e a creatividade: “a un neno curioso non lle custa aprender, por iso é tan importante fomentar a súa curiosidade, e o xogo é a ferramenta perfecta. O mesmo pasa coa creatividade, eles deben construír a súa propia versión do xogo a medida que o manipulan”.
Hai que fomentar a curiosidade dos nenos, e o xogo é a ferramenta perfecta. O mesmo pasa coa creatividade, eles deben construír a súa propia versión do xogo a medida que o manipulan
A aprendizaxe máis efectiva é aquela que se leva a cabo nun contexto amable e lúdico, á par que manipulativo: “sobre todo para os casos de educación especial, onde a aprendizaxe memorística non funciona, o xogo ten un potencial brutal”, asegura. Cre firmemente, ademais, que o xogo debería estar presente no currículo educativo.
EscondiT é un espazo único en Compostela, pero aínda son moitos os composteláns que descoñecen este oasis educativo que se atopa en pleno centro da cidade. Sandra é consciente que moitas familias viaxan ata Coruña na busca de recursos que realmente teñen aquí, ao alcance da man. Por iso convida a todo o mundo a pasar pola súa xoguetería coa promesa de que ninguén quedará indiferente.