Estilo Puratití: accesorios para o pelo made in Santiago feitos con cariño e moito estilo

Sara Cabo é todo creatividade e as súas mans, máquinas perfectas. Esta compostelá leva anos facendo da artesanía o seu modo de vida cun carácter propio que atrae multitude de clientes
Estilo Puratití: accesorios para o pelo made in Santiago feitos con cariño e moito estilo
Sara Cabo, a artista detrás de Estilo Puratití

Ante as vicisitudes, solucións. Era no ano 2012 cando Sara Cabo, natural de Santiago de Compostela, e unha compañeira súa quedaron sen traballo. Deste contratempo saíu un proxecto que perdura hoxe co mesmo ou máis éxito co que comezou: Estilo Puratití, unha marca de accesorios para o pelo cun estilo moi característico. 

 

A Sara sempre lle fascinou toda peza que se utilizase para poñer no pelo. Por iso, Estilo Puratití nace inicialmente coma unha afección, algo que desfrutaba facendo, mais co tempo foi evolucionando ata ser o que é na actualidade.

 

A súa avoa é costureira e a súa nai tamén fixo incursións na arte da confección. De aí sae a base necesaria para poñer en marcha o seu negocio: “De pequena pasaba o día ao outro lado da máquina. Tamén fixen cursos de costura e pouco a pouco fun conseguindo facer diferentes tipos de pezas”.

 

De pequena pasaba o día ao outro lado da máquina. Tamén fixen cursos de costura e pouco a pouco fun conseguindo facer diferentes tipos de pezas

 

Grazas a Estilo Puratití esta compostelá foi perfeccionando o seu estilo e atrevéndose con novos accesorios que agora forman parte dos produtos que ten á venda. Desde o 2021 leva a empresa ela soa. Conserva o nome —“vén dunha señora, a pesada do noso edificio, que se coaba nas casas para vender cousas”— e, por suposto, as ganas.

 

Deseños exclusivos

 

A marca de Sara é un espello do seu estilo e viceversa; como ela di, “a marca acaba sendo parte de ti”. Se un lle bota unha ollada aos produtos que ten á venda verá que son dun tipo moi concreto, específico.

 

“Considero que son para todos os públicos pero caracterízanse quizais por ter un toque doce, feminino, vintage…”, explica. Ante todo, son diferentes: “Moi distintas ao que podes atopar no mundo dos accesorios, no que de por si hai moita variedade e competencia. Ademais, hai que dicir que o feito á man está a anos luz do que pode ser un produto industrial”.

 

Estilopuratitidiadema
Diadema Estilo Puratití | CEDIDA

 

Os accesorios feitos á man están a anos luz do que pode ser un produto industrial

 

Todo o produce ela, desde a idea ata a confección final: “Inspírome un pouco nas miñas propias excentricidades pero tamén en todo o que me rodea e nos deseñadores que me gustan, nas tendencias… Penso que pezas me apetecería ter e póñome mans á obra”. 

 

Se ben ás veces as ideas para as pezas se lle ocorren no momento, outras veces vai na súa procura: “Se comezo de cero teño que facer un patrón e levalo á tea. Pode ser que saia e pode que non. Hai que ir vendo o que falla e o que se pode mellorar”, indica. Os procesos de traballo adoitan ser longos e os produtos tardan en saír, pero pola calidade paga a pena a espera.

 

Na súa tenda poden atoparse desde deseños de temporada ata estilos de hai décadas que semellan atemporais: “Gústame moito a estética dos anos 50 e 60, e iso nunca pasa de moda”.

 

Da rede aos mercados

 

Estilo Puratití ten unha tenda en liña a través da cal se poden adquirir os seus produtos. Sara fai envíos a toda España. É tan sinxelo coma escribirlle unha mensaxe privada a algunha das súas redes solicitando o accesorio desexado.

 

No seu catálogo hai diademas que se caracterizan pola súa duración e comodidade, coleteiros, turbantes e incluso produtos de coidado persoal coma discos para quitar a maquillaxe, bolsos, neceseres e gorros de ducha. Á parte dos accesorios habituais, de cando en vez fai coleccións especiais inspiradas en temáticas concretas.

 

 

 

As redes sociais son chave para que o negocio de Sara Cabo funcione. Nelas promociónase, razón pola cal realiza un inxente traballo para manter unha liña estética coidada e tratar de informar sobre a súa marca da maneira máis visual posible.

 

“En Instagram, por exemplo, trato de amosar os meus procesos de traballo para que a xente vexa o que hai detrás da elaboración das miñas pezas, pero ao final fágoo todo eu soa e require moito tempo”, argumenta. Para captar vendas axúdalle ter pezas sempre en stock e outras para as que utiliza o sistema drop, que veñen a ser esas coleccións especiais e limitadas.

 

Con todo, á parte das redes é fundamental a súa presenza en mercados artesanais. Neles o público vai cambiando e consegue chegar a persoas novas e de todo tipo. No verán ata recibe turistas. “No verán é unha loucura, e iso que me centro en mercados de artesanía, non vou aos medievais. Móvome por toda Galicia, desde Lugo ata as Rías Baixas e Santiago”, di.

 

Estilopuratitilazo
Lazo para o pelo Estilo Puratití | CEDIDA

 

Sara valora que a acollida que recibe o seu catálogo de accesorios é boa: “En xeral, cando a xente ve as fotos dos meus produtos gústanlles. O feedback por redes é bo, unha vez reciben as pezas adoitan deixarme comentarios positivos nos que se recoñece o traballo que hai detrás de cada peza”. 

 

Porque Sara coida ata o máis mínimo detalle, e agradece que os seus clientes se fixen nesas pequenas particularidades. Agora mesmo o seu público maioritario son rapazas e mulleres de entre 23 e 50 anos, pero ten parte de compradores masculinos.

 

Futuro prometedor

 

O Estilo Puratití é orixinal e propio, pero sabe adaptarse ás tendencias. Polo devir da moda, hoxe mandan as diademas, os lazos e mesmo os coleteiros oversize. Son os produtos máis demandados e Sara sábeo e aprovéitao: “A tendencia manda e eu non teño problema en traballar máis nestes accesorios, fágoos e encántame”.

 

De aquí a uns anos Estilo Puratití seguirá sorprendendo con novos deseños, non hai marxe para a parada: “Non sei exactamente cara a onde seguirá, pero seguirá. As pezas do pelo son imprescindibles porque sempre se utilizan”. 

 

Imparable e ávida por crear, continuará a pé de canón loitando porque a súa marca teña oco no mercado: “Espero seguir facendo cousas coas miñas mans moitos anos máis. Traballar do que che gusta é un luxo”.

Estilo Puratití: accesorios para o pelo made in Santiago feitos con cariño e moito estilo

Te puede interesar