A Facultade de Filoloxía acolle un congreso internacional sobre a literatura galega entre 1950 e 2010

O encontro, que terá lugar os días 19 e 20 de xuño, propón unha revisión crítica do período 1950-2010 a través das dinámicas entre creación literaria e contexto sociopolítico galego
A Facultade de Filoloxía acolle un congreso internacional sobre a literatura galega entre 1950 e 2010
Facultade de Filoloxía. Foto: Santi Alvite

A Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela será esta semana o escenario do Congreso Internacional 1950-2010: seis décadas de literatura e sociedade en Galiza, unha cita académica que terá lugar os días 19 e 20 de xuño de 2025 e que busca analizar as transformacións da sociedade galega a través do espello da súa literatura.

 

A proposta do congreso parte dunha delimitación temporal que, aínda que provisoria e en parte artificial, permite centrar o foco nun dos períodos máis intensos e decisivos para o desenvolvemento cultural galego contemporáneo. Desde a fundación da Editorial Galaxia en 1950 ata a revisión crítica dese ciclo histórico simbolizada na dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro, o evento ofrece un amplo percorrido polo sistema literario galego e o seu diálogo constante co contexto social e político.

 

 

Entre a ditadura e a modernidade

O programa de reflexión proposto abrangue tamén a morte de Castelao no exilio en 1950, a traxectoria de Isaac Díaz Pardo e o seu contacto co exilio republicano —desde a exposición de 1951 na Galería Velázquez de Bos Aires ata a súa exclusión das institucións culturais en 2010—, así como o paso do nacionalismo polo goberno galego entre 2005 e 2009.

 

Neste marco, o congreso propón interpretar a literatura como espazo de produción, reprodución e crítica, pero tamén como terreo de loita simbólica pola hexemonía cultural.

 

Un encontro para repensar o pasado recente

Este congreso constitúe unha oportunidade para reavaliar o papel da literatura na modernización e internacionalización da cultura galega, así como para debater o lugar que ocupou na articulación do pensamento crítico e a identidade colectiva. Ao reunir investigadoras e investigadores de distintas xeracións, a Facultade de Filoloxía converterase durante dous días nun foro plural para reler a historia recente do país desde a palabra escrita.

A Facultade de Filoloxía acolle un congreso internacional sobre a literatura galega entre 1950 e 2010

Te puede interesar