Faia: "A música chega onde non o fan as palabras"

Faia: "A música chega onde non o fan as palabras"
FAIA. Foto de Arancha Brandon

Compostela acollerá o vindeiro mércores 23 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal, o concerto de estrea de Alvela, o novo disco da cantante, creadora e historiadora da arte FAIA Díaz Novo. Acompañada no escenario pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais polo Suelen Estar Quartet, FAIA propón un espectáculo no que a música tradicional se mestura coa experimentación sonora, a memoria oral e a introspección emocional.

 

Alvela é moito máis ca un disco. É unha peza de artesanía sonora e poética, que mergulla ao público nas profundidades da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, sen esquecer a forza que habita no íntimo, no pracer e no desexo. A través de dez temas de raíz tradicional —arrolos, romances, coplas— revisitados con arranxos de corda e gravacións de campo manipuladas, FAIA constrúe unha narrativa circular e coherente, que parte da experiencia persoal para activar unha resonancia colectiva.

 

O concerto de presentación forma parte da programación de Compostela Cultura, e as entradas estarán dispoñibles tanto na web compostelacultura.gal como na Zona C. Tamén se poderán adquirir na billeteira do teatro o mesmo día do evento, dende unha hora antes do inicio.

 

Producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo), Alvela conta con colaboracións destacadas coma Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. A proposta estética complétase co vestiario de Melania Freire, o deseño de luz de Nonon Lab, e o universo visual de Blanca Gracia, quen achega unha ollada plástica que dialoga cos arquetipos do conto e co presente sociopolítico das mulleres.

 

FAIA leva anos tecendo unha carreira que equilibra o rigor da investigación co risco da creación. En Alvela, dá un paso máis na súa exploración das posibilidades do arquivo sonoro como materia viva e reivindica, a través da música, a capacidade transformadora da voz feminina, mesmo na soidade.

 

 

 

A entrevista

Que significa para ti estrear Alvela no Teatro Principal de Santiago?

Moi contenta de facelo na casa. É un sitio máxico e tamén moi importante a nivel vital porque presentei aí o meu anterior espectáculo. Tamén fun espectadora de moitos eventos que me marcaron. Ao final, é o teatro da cidade, e para min é unha honra presentar alí este traballo. 

 

Alvela está atravesado pola maternidade e a experiencia do corpo. Como influíu o teu propio proceso vital na creación deste disco?

Hai de todo. Non é un disco que trate da miña traxectoria vital, como tal. Tampouco quere falar de ningún caso concreto. Ten unha vocación colectiva, de facer eco nos sentires de moitas mulleres. A maternidade non se traballa moito desde o punto de vista artístico, semella que está rodeada de algo escuro, porque hai moitas cousas que non se din, que non se contan e que non se entenden. Alá onde as palabras non chegan, a música si que pode facelo. 

 

Faia. Foto de Arancha Brandon
Faia. Foto de Arancha Brandon

 

Pensaches Alvela como unha especie de relato ou obra narrativa?

Tiña claro que todas as cancións formaban parte dunha historia que parte dun fío condutor. Este fío ten que ver coa miña propia experiencia dando a luz no hospital. Hai unha serie de escenas que están neste subtexto e que me serviron como guión no proceso creativo. Non é algo que se evidencie, pero si que había unha idea narrativa clara, que houbese un principio e un final, tendo moi en conta a temporalidade. A música tradicional está moi ligada ao tempo, e esta cuestión parecíame importante para este disco.

 

 

A presenza da arpa, os instrumentos de corda e as gravacións de campo confiren ao disco unha sonoridade moi particular. Foi unha decisión premeditada traballar só con cordas?

Non hai unha intención premeditada de darlle protagonismo ás cordas; foi moi orgánico, coma un xogo. Quería que Bleuenn me acompañase, porque é a miña cuñada e tiña ganas de que colaborase. A partir de aí, pensei que traballar coas cordas sería interesante para acotar a nivel sonoro. Ademais, non adoito empregar moitos instrumentos. Esta constricción artística axudoume a formular os temas desde unha posición relaxada.

 

Portada de Alvela
Portada de Alvela

 

Buscas que un sector concreto se sinta identificado ou buscas achegar esta realidade ao resto de público que non está familiariazado?

A verdade é que non pensei nun público específico. Hai algo que me interesa que resoe en todo o mundo, e penso que pode facelo. Nas mulleres dun xeito máis directo, polas temáticas que se abordan. Non obstante, agardo que o público sexa diverso.

 

Que aprendizaxes ou descubrimentos che deixou este proceso de creación?

Moitas cousas, porque foi moi longo. Ademais, segue en proceso. É un proceso de aprendizaxe moi profunda, tamén á hora de traballar coa música de transmisión oral, que veñen marcadas polo tempo. É un material moi sensible, e gustoume moito a maneira na que a transmisión oral permite que nos apropiemos dela. Paréceme moi bonito e natural coller un repertorio tradicional e darlle unha volta persoal para que pase a ser parte do teu imaxinario. Máis aínda coincidindo, por exemplo, coas Letras Galegas deste ano, que reivindican moito esta idea.

 

 

Como cres que evolucionará o proxecto nos próximos meses: haberá versión escénica máis teatral, videoclip, colaboracións novas…?

Proximamente estarei centrada no directo e despois non o sei. Agardo que teña boa acollida e que poida facer moitos concertos. O meu interese agora mesmo é estar en contacto co escenario e a xente, que é o que máis me gusta.

Faia: "A música chega onde non o fan as palabras"

Te puede interesar