Despois de 22 anos celebrando o festival Feito a Man, Compostela abrirá agosto coa súa celebración. A programación contará con recoñocidas propostas galegas como Sumrrá, Nani García Trío, A banda da loba ou Santi Araujo; e algunhas chegadas doutras latitudes como Luiz Caracol (Portugal), Luciana Yuri (Arxentina) ou Atempo (Cuba). Un dos sinais de identidade do festival é a diversidade que acolle a nivel de estilos musicais, así, poderase gozar de propostas que van dende o jazz até o trip-hop, pasando polo funk, o blues ou o folk.
Este ano, como novidade, haberá espazo para o teatro de improvisación así como para unha exposición fotográfica de rúa en colaboración con Greenpeace.
O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. É posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña e conta, ademais, con diferentes empresas coas que vén colaborando nos últimos anos como Casa de xantar O Dezaseis, Gadis, Froq ou Vincusys.
Actualmente, os establecementos organizadores son Camalea, Modus Vivendi, Atlántico, Chocolate, O Pozo, Casa das crechas, Literarios, A Gramola, Borriquita de Belém, Xuntanza, A Reixa, Embora, Momo… a rúa e O Galo D’ouro.
A Praza de Feixóo, a Rúa de Xelmírez, a Praza da Quintana ou San Paio de Antealtares son algúns dos catorce espazos da cidade histórica nos que se poderá gozar de música ao vivo.
O Feito a man 2025 dará comezo o día 4 de agosto na Praza da Quintana coas actuacións de Sumrrá e A banda das Crechas; e rematará o luns 25 na Fonte de San Antonio cunha mostra de alumnos e alumnas de WAX! Cultura DJ.