A festa do galego toma Compostela: máis de 1.400 escolares participarán no Correlingua 2025 este xoves

A cita celebra os seus 25 anos coa mocidade como protagonista e un programa cheo de música, percorridos e reivindicacións pola lingua
A festa do galego toma Compostela: máis de 1.400 escolares participarán no Correlingua 2025 este xoves
Correlingua, en 2024

Santiago de Compostela volverá converterse este xoves, 8 de maio, nun escenario de celebración e compromiso coa lingua galega. Máis de 1.400 estudantes de distintos niveis educativos participarán na edición número 25 do Correlingua, a maior actividade de promoción do galego entre a infancia e a mocidade en Galicia. A festa, baixo o lema “A mocidade activa, por unha lingua viva”, encherá as rúas da capital nunha xornada que mestura reivindicación, música e participación.

 

Correling
 

 

O acto central desenvolverase durante a mañá na Alameda, epicentro dos dous percorridos deseñados para os centros educativos da comarca que se sumaron á convocatoria. En total, 17 centros están inscritos, dos cales 11 son de Santiago, entre eles os CEIP Pío XII, Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas ou os IES Xelmírez I e II, entre outros.

 

Co obxectivo de adaptar a marcha á idade do alumnado, organizáronse dous itinerarios: un máis curto, pensado para Infantil e Primaria, e outro máis longo para o estudantado da ESO. Ambos comezan e rematan na Alameda e percorren rúas emblemáticas como o Toural, a rúa Nova, o Obradoiro ou a Costa do Cristo.

 

 

A festa do Correlingua 2025 contará tamén cun escenario instalado na Alameda, desde o que se lerán manifestos, haberá saúdos institucionais e actuará o grupo Mekánika Rolling Band. A actriz e presentadora Isabel Risco será a encargada de conducir o acto. Como broche final, entregaranse premios ás mellores pancartas e animacións a prol da lingua galega, cunha colaboración especial de librarías compostelás como Follas Novas, Couceiro ou Alvarellos.

 

Ao longo do curso escolar, o Correlingua vén desenvolvendo outras iniciativas complementarias como obradoiros de escrita creativa, concursos de coplas e actividades artísticas co obxectivo de activar o uso do galego desde a creación e a participación.

 

 

O Correlingua está organizado pola CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG, e conta co apoio das catro deputacións galegas e dos principais concellos, entre eles o de Santiago de Compostela, que colabora co evento desde os seus inicios. Esta edición chega nun momento clave para reforzar o papel do galego como lingua de futuro entre as novas xeracións.

A festa do galego toma Compostela: máis de 1.400 escolares participarán no Correlingua 2025 este xoves

Te puede interesar