O Festival C poboa o mes de agosto con danza, teatro, poesía e cinema con actividades de balde

A praza da Quintana, o parque de Bonaval, o parque de Galeras, a Casa das Máquinas e a rúa Concepción Arenal serán os principais escenarios desta nova entrega
O Festival C poboa o mes de agosto con danza, teatro, poesía e cinema con actividades de balde
Cartel do Festival C

O Festival C volverá facerse coas rúas de Compostela do 4 ao 28 de agosto. A sexta edición levará a distintos espazos da cidade un regueiro de sesións de balde e para todos os públicos con circo, danza, teatro de rúa, poesía, música, contos, maxia e cinema da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes e noitiñas do verán. A praza da Quintana, o parque de Bonaval, o parque de Galeras, a Casa das Máquinas e a rúa Concepción Arenal serán os principais escenarios desta nova entrega do festival. 

 

Todas as actividades son de carácter gratuíto e acceso libre agás os obradoiros de circo para a rapazada que, malia ser tamén de balde, precisarán inscrición previa no enderezo circonoveoficina@gmail.com para garantir que non se superan as prazas dispoñibles en cada sesión. 


Danza no parque de Bonaval e na Casa das Máquinas

Como cada ano, o cemiterio de Bonaval converterase en escenario de excepción para dar acubillo a boa parte dos espectáculos de danza que cada luns ás 20 horas ofrecerá o Festival C. O primeiro deles chegará o propio día 4 da man do recoñecido creador Alberto Velasco. "Mover montañas", unha peza de danza-teatro candidata ao mellor espectáculo de rúa nos Premios Max 2025 e distinguida co premio do xurado ao espectáculo máis anovador do XXV Festival Internacional de Valladolid. 

 

luns 11 será quenda para "Trïade", de Colectivo Glovo, unha peza que ten como punto de partida a necesidade de xuntarse, vincularse e bailar desde o coidado e a escoita nun espazo que procure unha xenealoxía feminina, unha orde simbólica persoal e independente, inspirada pola tríade luar e a súa idea do eterno retorno —vida, morte e renacemento– nun traballo de marcado carácter ritual e de culto ás ancestras e ás raíces.


Colectivo DeXeito farase co escenario o luns 18 para presentar a obra "77.000", unha creación que fai referencia ao número de toneladas verquidas polo petroleiro Prestige nas costas galegas no ano 2002 e que, a través da danza e do movemento, crea unha representación propia do suceso e das súas consecuencias. A peza convida o público a reflexionar sobre a fraxilidade do noso medio ambiente e a importancia da acción colectiva en situacións de emerxencia.


En paralelo á presentación destas pezas, entre o 11 e o 14 de agosto o Festival C abeira tamén un laboratorio de creación e movemento, promovido polo Colectivo RPM e coa participación da coreógrafa e bailarina portuguesa Tánia Carvalho. Baixo o título deTecer o corpo, habitar a sombra," a iniciativa resultará nunha obra de creación colectiva que  poderemos ver o xoves 14 de agosto ás 20.30 horas na Casa das Máquinas.


Contos no parque de Bonaval

Entre as propostas para público miúdo destácanse as sesións de Contos no parque que o programa Apego leva cada martes ás 18 horas á zona dos arcos do parque de Bonaval. A primeira delas acontecerá o día 5 da man da compañía Xarope Tulú. "Lingoreteira" é unha homenaxe ao ser falangueiriño que habita en cadaquén, que nos anima a sacar a lingua a pacer e consegue así que a palabra e a oralidade sigan vivas ou, cando menos, non morran de todo. 

 

martes 12 será ocasión para que Tropa de Trapo comparta seus "Contos para nenas grandes e pequenas", unha proposta de narración oral e música en directo que achega historias de mulleres diversas arredor do poder do amor e da memoria, do bo trato entre as persoas e da igualdade entre homes e mulleres. 


A seguir, o martes 19, Fran Rei e Feli Rodríguez porán "Máis Saaabor!" ás sesións do Apego cunha función que mestura música en directo, maxia, humor ritmo e gastronomía para ofrecer un menú ben gorentoso e variado. E o Mago Paco pechará o ciclo o martes 26 con "Ledicias"un espectáculo de maxia divertida e participativa coa que aguilloar o maxín e construír momentos que atesourar para a lembranza. 


Poesía ao solpor 

A nosa tradición oral e a música popular fanse coas tardiñas dos mércores cun ciclo que, ao caer do sol e baixo o título  de "Por que non cantades todas?", cita no paseo da ferradura da Alameda a cantareiras e padeireteiras dos colectivos tradicionais máis importantes do país para reivindicar o rol das mulleres no desenvolvemento e preservación da poesía e a expresión musical galegas.

 

mércores 6 serán as cantareiras e pandeireteiras de Ultreia,día 13 as de Brincadeira,o día 20 as de Cantigas e Agarimos, as encargadas de pór voz e son a este ciclo que honra a tradición, a memoria e os versos da nosa terra. 


 


 

 

O Festival C poboa o mes de agosto con danza, teatro, poesía e cinema con actividades de balde

Te puede interesar