Grande Amore encabeza o cartel do Composfest

A Praza da Quintana acollerá o festival o 30 de maio, con actuacións de Helena Egea e Howling Jaws como parte das Festas da Ascensión
Grande Amore encabeza o cartel do Composfest
A presentación oficial do cartel tivo lugar esta mañá

A Praza da Quintana converterase o próximo 30 de maio, a partir das 20:30 horas, nun auténtico templo da música coa celebración da terceira edición do Composfest. O evento, promovido pola SD Compostela en colaboración co Concello de Santiago, unirase este ano á Sala Capitol para conmemorar o seu 90 aniversario, un dos espazos culturais de referencia na cidade.

 

Un cartel de luxo para unha celebración histórica

O festival contará cun cartel de luxo encabezado por Grande Amore, unha das bandas galegas máis recoñecidas da súa xeración, que se estrea na Praza da Quintana. O grupo, galardoado co Premio Martín Códax 2022 e o Premio MIN ao Mellor Álbum en Galego en 2024, chega a Compostela para presentar o seu terceiro disco, III, publicado baixo o selo Ernie Records. “Animamos a toda a xente a que veña, é a primeira vez que Grande Amore actúa na Praza da Quintana”, destacou Nuno, que se mostrou emocionado por este acontecemento tras unha década vivindo en Santiago.

 

 

O cartel complétase con Helena Egea, unha voz poderosa que evoca as grandes figuras do jazz, do blues e do rock. Tras estrear o seu formato banda no Festival da Luz 2023, a artista vén de lanzar o seu primeiro EP, Flares of Life, onde destacan temas como Glass e Arrolo. Egea será a encargada de abrir o festival, que ela mesma cualificou como unha “programación chulísima” e animou á veciñanza a non perderse esta cita musical.

 

Como banda convidada, chegarán desde París os Howling Jaws, un trío de rock que regresa dous anos despois do seu aclamado debut Strange Effect para presentar Half Asleep Half Awake. Con melodías luminosas, riffs ardentes e himnos imparables, a banda promete unha descarga de enerxía que prenderá o escenario da Quintana.

Grande Amore encabeza o cartel do Composfest

Te puede interesar