Que flores e herbas medran nos poemas de Rosalía de Castro? Que árbores sombrean os seus versos, e que plantas comestibles alimentaron a súa imaxinación? A exposición O herbario de Rosalía, que pode visitarse ata o 31 de maio na sala Ámbito Cultural de El Corte Inglés en Santiago, propón unha resposta visual e poética a estas preguntas a través de 40 imaxes extraídas dun proxecto singular: un herbario literario.
A mostra, comisariada pola Fundación Rosalía de Castro, nace dun traballo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela iniciado en 2019 polas profesoras María López Sández e Mª Isabel Fraga Vila, con fotografías de Miguel Fraga. Lonxe de ser un herbario científico, o proxecto é unha ofrenda creativa que une botánica, literatura e memoria.
“Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira”, afirman as impulsoras do proxecto.
O herbario físico, doado en 2019 á Casa-Museo Rosalía de Castro, consta de 150 pregos que recollen flores, árbores e plantas citadas na obra da autora. A exposición en Santiago amosa unha coidada selección de 40 desas imaxes, organizadas en cinco series temáticas: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Cada bloque inclúe un panel explicativo que contextualiza o papel simbólico e literario destas especies na obra rosaliá.
“As rosas aparecen máis de 70 veces nos seus textos. Mais tamén están as plantas humildes, propias do Romanticismo, como as herbiñas do camposanto, que tanto significado teñen na súa poesía”, sinalan desde a Fundación.
A experiencia complétase cun vídeo que recolle a totalidade dos pregos e incorpora un recitado profesional dos versos de Rosalía. O resultado é unha inmersión sensorial e literaria nun universo onde a natureza non é só fondo, senón personaxe e emoción.
Inspirado por versos como “Nasín cando as prantas nasen / no mes das froles nasín”, do Cantar II de Cantares gallegos, o proxecto pon en valor a mirada ecolóxica e emocional dunha autora que dignificou coa súa pluma tanto o territorio galego como ás súas xentes.
A exposición pode visitarse de luns a sábado, en horario comercial (de 10 a 22 h), ata o 31 de maio. Unha oportunidade única para redescubrir a Rosalía a través das follas, das flores… e dos ollos que as souberon ver.