I-radia Crea presenta un novo proxecto editorial vinculado á marca Festivales Territorio

Trátase dunha revista cuadrimestral que promocionará destinos turísticos rurais desde unha perspectiva vangardista
I-radia Crea presenta un novo proxecto editorial vinculado á marca Festivales Territorio
Carlos Montilla, director de Festivales Territorio e I-radia Crea, xunto a Carmen PIta, directora de Promoción Turística da Axencia de Turismo de Galicia (Mattias Monsterkid)

A promotora cultural galega I-radia Crea, presentou onte no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporáneo) de Santiago de Compostela, o seu primeiro proxecto editorial vinculado a súa marca Festivales Territorio, a Revista Territorios.

 

Esta publicación, que terá carácter cuadrimestral e se distribuirá en institucións e librerías especializadas, aínda que tamén contará cunha versión dixital, busca darlle visibilidade ás contornas rurais, principalmente aquelas que acollen aos festivais da marca, pero tamén outros territorios que comparten valores culturais e paisaxísticos similares.

 

Revista territorios
 

 

A marca Festivales Territorio engloba diversos festivais de pequeno formato repartidos pola península: o primeiro e máis lonxevo, e ademais gañador consecutivo dos Iberian Festival Awards como “Best Small Festival”, 17º Ribeira Sacra, celébrase nun territorio candidato a Patrimonio Mundial. Tamén forman parte desta marca, Esférica Rioja Alavesa, en Álava, Tierra Bobal Fest e Nómade, en Valencia, e o último, Festival Canari, que a súa primeira edición tivo lugar entre Lanzarote e La Graciosa en 2023. Os cinco festivais están vinculados entre si polo seu forte compromiso cos territorios e teñen un obxectivo en común, dar a coñecer ó público a riqueza e diversidade das zonas onde se realizan.

 

No acto participaron Carlos Montilla, director de I-radia Crea e da marca Festivales Territorio, Carme D Prol, como coordinadora e redactora da revista, e Xavier Belho, como director de arte. Carmen Pita, directora de promoción na Axencia de Turismo de Galicia, tamén formou parte desta presentación, quen manifestou a relevancia que supón apostar por estas iniciativas que promoven a inquedanza por descubrir a riqueza patrimonial e cultural que ostenta o rural.

 

“Festivales Territorios converteuse, en moi pouco tempo, nunha marca de referencia internacional. Esta revista non é máis que a continuidade a todo ese traballo”, sinalou Montilla. “Pretendemos dar voz a Territorios de futuro, que hoxe, máis que nunca, son esenciais se queremos apostar por unha sociedade cada vez máis sostible, igualitaria e integradora”, engadiu.

 

A ilustración da portada deste primeiro número corre a cargo da artista galega Annita Rivera, “Plástica”, e conta con artigos de profesionais do sector cultural e gastronómico como a experta en marketing vinícola, Cristina V. Miranda, ou o crítico gastronómico, Jorge Guitián.

 

Entre as páxinas da revista pódense atopar reportaxes, entrevistas de interese e plans para descubrir os territorios de Ribeira Sacra, Tierra Bobal, Lanzarote ou Rioja Alavesa.

 

Esta revista conta co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Diputación de Álava e a Mancomunidad del Interior Tierra del Vino, así como dos concellos de Chantada e Sober e tamén de empresas patrocinadoras dos festivais como Cervezas Alhambra e Bodegas Regina Viarum.

I-radia Crea presenta un novo proxecto editorial vinculado á marca Festivales Territorio

Te puede interesar