O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) reforza o seu papel de referencia na investigación das ondas gravitacionais grazas á súa participación na rede REDONGRA, recentemente financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades na convocatoria estatal de Redes de Investigación de 2024. A Rede Española de Física de Ondas Gravitacionais busca impulsar a contribución científica de España neste campo emerxente, así como preparar o camiño para a participación nas grandes misións internacionais da próxima década, como LISA ou o Einstein Telescope.
O IGFAE, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, incorporou a astronomía de ondas gravitacionais á súa axenda científica en 2017 e, desde entón, converteuse nun dos piares desta disciplina en España. Desde 2018, forma parte da colaboración internacional LIGO, e o seu equipo —liderado polos investigadores Thomas Dent e Juan Calderón Bustillo— é o único no país que realiza unha análise completa das deteccións, desde o sinal inicial ata a interpretación astrofísica.
Actualmente, traballan na análise dos últimos datos recollidos polos observatorios LIGO, Virgo e KAGRA, nun ciclo que xa suma máis de 300 deteccións candidatas de fusións de buracos negros ou estrelas de neutróns desde o histórico ano 2015.
Ademais, o IGFAE planea dedicar un laboratorio específico ao desenvolvemento de instrumentación para futuros experimentos no campo das ondas gravitacionais, aproveitando a recente apertura das súas novas instalacións en Santiago de Compostela.
REDONGRA está liderada polo investigador Carlos Fernández Sopuerta (ICE-CSIC) e agrupa 20 grupos de investigación de referencia a nivel estatal, todos eles implicados en grandes colaboracións internacionais como LIGO, Virgo, LISA, o Einstein Telescope ou as redes de sincronización de púlsares (PTA). A rede ten como obxectivo fundamental coordinar os esforzos científicos, definir unha folla de ruta estratéxica e formar as novas xeracións de investigadores.
Desde a súa posta en marcha en maio de 2025, xa celebrou o Encontro Ibérico de Ondas Gravitacionais, no que Juan Calderón actuou como coordinador das sesións. E en setembro, Santiago terá tamén protagonismo: Thomas Dent será un dos poñentes destacados no congreso polo décimo aniversario da primeira detección de ondas gravitacionais, que se celebrará na Universidade das Illas Baleares.
O compromiso do IGFAE coa ciencia de vangarda en Galicia ten tamén un valor estratéxico: as súas investigacións poden contribuír a identificar fenómenos que desafían o Modelo Estándar e ofrecer novas pistas sobre a materia escura. A súa traxectoria e liderado dentro de REDONGRA sitúan a Santiago de Compostela como un dos centros neurálxicos da física fundamental en España e Europa.