O investigador canadense Éric Laliberté gaña o premio da Cátedra do Camiño de Santiago

A súa tese, centrada na experiencia do peregrino e na semiótica dos relatos de Compostela, ofrece unha lectura innovadora sobre o sentido actual da peregrinación
O investigador canadense Éric Laliberté gaña o premio da Cátedra do Camiño de Santiago
O investigador que resultou gañador da cátedra é Éric Laliberté

A oitava edición do premio de investigación da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións xa ten gañador. Trátase do investigador Éric Laliberté, pertencente á universidade canadense de Laval e que acaba de ser recoñecido pola súa tese de doutoramento titulada "L'énonciation pèlerine du sujet de Compostelle. Du chemin-objet au chemin de parole". O xurado do galardón que outorga esta cátedra, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, destacou que o traballo premiado aborda o fenómeno da peregrinación no espazo da súa enunciación, “considerándoa como un lugar de experiencias, fronteira da travesía e cruzamento de múltiples vectores”. 


Existen múltiples peregrinacións: literarias, cinematográficas, históricas e mesmo virtuais. Nesta vasta diversidade, a relixión e o profano mestúranse. O fenómeno supera a comprensión e leva a reconsiderar o que a palabra ‘peregrinación’ buscar significar, motivo polo cal o investigador pregúntase “que se quere dicir cando se utiliza o termo ‘peregrinación’ hoxe?” No centro dos debates que suscita esta cuestión sitúanse os camiños de Compostela, unha vasta rede de rutas de peregrinos milenarias que viu a súa popularidade dispararse dende principios do século XXI. “Este espazo ofrece un laboratorio privilexiado para observar o fenómeno da peregrinación cando se busca dicir ‘algo’ que vai máis aló das nosas preocupacións habituais”, explica Éric Laliberté. 


Facer Compostela

A maioría dos estudos sobre a peregrinación que se publicaron nos últimos anos dedícanse á análise do fenómeno da peregrinación en termos de movemento, mesmo de metamovemento, onde se desprega todo un ecosistema de relacións. Nos seus fundamentos, a peregrinación xa non é un lugar senón un espazo fluído onde se cruzan múltiples vectores en varios planos. Partindo desta constatación, a tese premiada propón observar o fenómeno da peregrinación no espazo da súa enunciación. “No camiño ten lugar a experiencia e esta non pode ser máis que narrada polos seus protagonistas, os peregrinos”, engade. 

 

Así, sobre a base dunha lectura semiótica dos relatos de peregrinos, neste traballo estúdase o que se quere dicir cando se utiliza a expresión "faire Compostelle" (‘facer Compostela’). “Non se trata de interesarse na materialidade destas peregrinacións, senón na experiencia activa do peregrino, en aprender a oír e recoñecer o pracer desta experiencia”, matiza Éric Laliberté. 


A través desta investigación xorde “unha lectura orixinal da experiencia teologal, unha lectura espacializante da peregrinación, fabrica espazos vividos, e onde o termo ‘peregrinación’ constitúe un movemento activado polo encontro da alteridade, onde o teolóxico enténdese como intelixencia relacional: unha teoloxía do discernimento”, conclúe o xurado do galardón que nesta oitava edición estivo integrado polo director da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, Miguel Taín; por María José Azevedo Santos, catedrática da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e co-directora da citada Cátedra; así como Daniel C. Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela e co-director da citada Cátedra.

O investigador canadense Éric Laliberté gaña o premio da Cátedra do Camiño de Santiago

Te puede interesar