O doutorando do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC Marcos Vilela vén de gañar un dos XXII Premios de Investigación para Alumnos de Doutoramento que convocan a Real Sociedade Española de Química e Lilly en recoñecemento de traballos nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica.
A tese de Marcos Vilela, supervisada polo investigador principal do CiQUS Juan R. Granja e polo profesor Manuel Amorín, titúlase ‘Supramolecular systems based on cyclic peptides for the selective transport of antitumor drugs’ e céntrase en desenvolver nanotubos peptídicos sensibles a estímulos externos como a luz, así como a súa potencial aplicación para o transporte de fármacos antitumorais ata as células cancerosas.
Os nanotubos peptídicos son estruturas con forma de tubo formadas polo apilamento de péptidos cíclicos. "Por exemplo, conseguimos controlar a forma do tubo ou a súa formación e disgregación mediante a irradiación co apropiado tipo de luz. Doutra banda, estamos a desenvolver unha estratexia baseada nestes nanotubos para o transporte de fármacos antitumorais ata células cancerosas resistentes" explica Vilela, para quen este premio supón "un gran orgullo e recoñecemento a todo o esforzo realizado durante a tese doutoral, e representa unha gran motivación para o futuro".
Vilela gañou este recoñecemento xunto a Andrea Palone, da Universitat de Xirona (UdG) e Università degli Studi dei Roma “Tor Vergata”, e a Beatriz Arévalo, da Universidade Complutense de Madrid (UCM).