A investigadora da USC Mar Sobral é unha das 60 seleccionadas entre máis de 1.600 candidaturas na última edición das bolsas Leonardo

A profesora da Facultade de Xeografía e Historia desenvolverá un estudo innovador sobre como pequenas variacións dentro das plantas inflúen na evolución e nos ecosistemas
A investigadora da USC Mar Sobral é unha das 60 seleccionadas entre máis de 1.600 candidaturas na última edición das bolsas Leonardo
Mar Sobral

A profesora da Facultade de Xeografía e Historia e investigadora do Idega da Universidade de Santiago de Compostela, Mar Sobral, vén de acadar unha das 60 bolsas Leonardo que outorga a Fundación BBVA, nunha das convocatorias máis competitivas do panorama estatal. Nesta XII edición, presentáronse 1.623 candidaturas, polo que a taxa de éxito quedou nun reducido 3,7%.

 

O apoio económico ascende a 50.000 euros e o proxecto contará cun prazo máximo de 18 meses de desenvolvemento. A iniciativa de Mar Sobral, titulada From leaf to ecosystem: The evolutionary and ecological power of subindividual variation, explora como a variación fenotípica dentro dun mesmo individuo, por exemplo entre follas ou flores da mesma planta, inflúe nos procesos evolutivos e na dinámica dos ecosistemas.

 

Segundo explica a propia ecóloga, o obxectivo é demostrar que “esta variación subindividual é unha compoñente clave na comprensión da biodiversidade e na predición do funcionamento dos ecosistemas fronte a cambios ambientais”. Con este proxecto, aspira a abrir novas vías de estudo que permitan integrar esta escala de variación nos enfoques contemporáneos da ecoloxía e da evolución.

 

Un recoñecemento á excelencia científica

As bolsas Leonardo están dirixidas a persoal investigador entre os 30 e os 45 anos con traxectorias xa consolidadas e un perfil innovador, en áreas que van desde as ciencias do medio ambiente e da Terra, ata a bioloxía, a medicina, as enxeñarías, a creación literaria, a música ou as artes escénicas.

 

No caso da área na que foi premiado o proxecto de Mar Sobral, o xurado estivo presidido por María-Paz Martín Esteban, directora do Real Xardín Botánico (CSIC), e contou coa participación de destacadas figuras da ecoloxía e das ciencias ambientais como Andrés Cózar (Universidade de Cádiz), Núria Marbà (IMEDEA, CSIC-UIB) ou Pau Carazo Ferrandis (Universitat de València), entre outros.

 

O programa Leonardo destaca tamén pola súa flexibilidade, permitindo ás persoas beneficiarias deseñar libremente o enfoque e cronograma do seu proxecto, e colaboraren, se o desexan, con outras institucións ou investigadoras.

A investigadora da USC Mar Sobral é unha das 60 seleccionadas entre máis de 1.600 candidaturas na última edición das bolsas Leonardo

Te puede interesar