Juan Casares pecha o curso dos 'Luns do Ateneo' cunha conferencia sobre a sostibilidade do planeta

O exreitor da USC falará este luns na Rúa do Vilar sobre os límites ecolóxicos do actual modelo de vida
Juan Casares pecha o curso dos 'Luns do Ateneo' cunha conferencia sobre a sostibilidade do planeta
Juan Casares

O Ateneo de Santiago clausura este luns, 16 de xuño, o ciclo Luns do Ateneo do curso 2024-2025 cunha conferencia a cargo de Juan José Casares Long, exreitor da Universidade de Santiago de Compostela. O acto celebrarase ás 19:30 horas na sede do Ateneo, na Rúa do Vilar, 19, e levará por título «Creando novos futuros: a gran transición».

 

Nesta última sesión do curso, Casares afondará nos principais desafíos ambientais que afronta a humanidade, facendo especial fincapé nos límites planetarios que xa foron superados pola actividade humana. A través de exemplos como o incremento do nivel do mar ou os fenómenos meteorolóxicos extremos, o científico galego ilustrará a urxencia de repensar o modelo de vida actual.

 

A conferencia incluirá tamén propostas avaladas pola comunidade científica para reverter esta situación e garantir a habitabilidade do planeta dentro de marcos sostibles.

 

O conferenciante

Juan José Casares Long foi reitor da USC entre 2010 e 2014, tras unha dilatada traxectoria como catedrático en varias universidades españolas, con experiencia no sector industrial e na administración pública. Fundador de Meteogalicia e membro do Club de Roma, Casares destaca pola súa visión estratéxica e multidisciplinar fronte aos grandes retos globais actuais.

Juan Casares pecha o curso dos 'Luns do Ateneo' cunha conferencia sobre a sostibilidade do planeta

Te puede interesar