Reportaxe | ‘Amil’, a gran promesa do panorama audiovisual compostelán

Atópase na fase de preprodución da súa primeira serie coa que tentará, con tan só 22 anos, facerse un oco no sector cinematográfico de Galicia
Reportaxe | ‘Amil’, a gran promesa do panorama audiovisual compostelán
Jules Herrmann Herrero.

Jules Herrmann Herrero sempre soubo que lle encantaba o audiovisual, desde que, xa a unha moi curta idade, acendía o televisor para ver as súas series preferidas. 

 

Porén, tardou en darse de conta de que ese amor polas imaxes podería converterse no seu medio de vida. A piques estivo de meterse nun grao calquera ata que, xusto a tempo e mentres cursaba segundo de bacharelato, descubriu a existencia da carreira de Comunicación Audiovisual. E meteuse de cheo. 

 

Cunha cabeza chea de ideas que desexaba compartir, desde o minuto un se embarcou en variedade de proxectos nos que puido experimentar distintas ramas do sector audiovisual: dirección, fotografía, produción, vestiario e maquillaxe…

 

Agora, coa carreira xa rematada e cunha ampla bagaxe ás súas costas, afronta o que probablemente sexa a súa obra máis importante, a que define quen é e a que aspira: ‘Amil’, a súa primeira serie.

 

Longo proceso de maduración

 

A idea de ‘Amil’ ocorréuselle a Jules hai moitos anos, xa antes de entrar en Comunicación Audiovisual. Concretamente no 2017, cando comezou a descubrir a súa identidade LGBT, xa que Jules é unha persoa non binaria.

 

Precisamente a identidade de xénero é o fío condutor da serie. Cun forte trasfondo persoal, narra o a volta á nenez de Amil, un home transxénero con depresión. Amil, logo de inxerir unhas pílulas co obxectivo de rematar coa súa vida, transfórmase nun neno de 12 anos. 

 

Julesamil
Portada de 'Amil'.

 

Ademais de facer un repaso polas vicisitudes persoais que atravesa a xuventude, especialmente daquela que está dentro do colectivo, ‘Amil’ introduce a ciencia ficción nun intento de abrir o panorama audiovisual galego a novos xéneros con menos presenza

 

Nun escenario que se move entre dous mundos —a Terra e o planeta imaxinario de Segono— técese unha viaxe exploratoria por infinidade de temas como son a identidade, a redención, a loita contra o mal, os trastornos mentais, a infancia e a mocidade.

 

Entre Ames e Santiago

 

Jules medrou entre Ames e Santiago, de aí que a súa intención sexa que ‘Amil’ —que agora se atopa en fase de preprodución— sexa gravada en localizacións de ámbolos concellos.

 

De feito, Jules foi seleccionada polo AmesAVLab para impulsar o proxecto. Grazas a esta iniciativa do Concello de Ames, o equipo de 'Amil' está a recibir formación en diferentes eidos do audiovisual por parte de profesionais, e teñen a posibilidade de lograr unha achega económica que lles permitiría facer do seu proxecto unha realidade.

 

Durante os seis meses de duración desta formación, Jules foi definindo o plan de traballo de ‘Amil’, así como a súa narrativa e tramas. En novembro defenderá por última vez o seu proxecto ante o xurado de AmesAVLab para optar aos dez mil euros que serían peza fundamental no seu desenvolvemento.

 

O equipo

 

Jules tivo claro desde o primeiro momento que quería traballar con xente moza que estivese facendo as súas primeiras incursións no audiovisual; é dicir, persoas con pouca experiencia que puideran beneficiarse da oportunidade de traballar nun proxecto a grande escala

 

Julesequipo
Parte do equipo de 'Amil' durante unhas xornadas no AmesAVLab.

 

Hoxe o seu equipo está conformado integramente por persoas que non superan os trinta anos. A súa colaboración en diferentes producións, así como a súa personalidade carismática e extravertida foron fundamentais para facer contactos que hoxe traballan con ela. 

 

Tamén se caracteriza polo respecto á equidade de xénero, agora son nove mulleres, dous homes e unha persoa non binaria. O obxectivo que persegue é “promover a diversidade e a inclusión, fomentando un ambiente de traballo equitativo e respectuoso para todos os membros do equipo”.

 

Queremos promover a diversidade e a inclusión fomentando un ambiente de traballo equitativo e respectuoso para todos os membros do equipo

 

O mesmo se verá reflectido no elenco, pois Jules pretende “descubrir novos talentos e sacarlles o máximo partido”. De feito, pretende levar a cabo talleres de actuación antes da rodaxe para incrementar a calidade da mesma e, de xeito colateral, crear espazos nos que todo o equipo se coñeza. 

 

Sen pausa 

 

Jules non se dedica unicamente a ‘Amil’. Á parte do seu traballo coma editora nunha empresa da Coruña, está inmersa en multitude de producións. Agora mesmo axuda na rodaxe duns videoclips para un grupo musical, leva a cabo varios proxectos persoais de fotografía e escribe unha curtametraxe para presentar a un concurso. 

 

Todo iso sumado a todas as aventuras nas que xa ten participado, coma o labor de produción no documental ‘O tecido da memoria’ (Leo Pereiro Pombo, 2022) ou a actriz na curta ‘La curiosidad mató al gato’ (Bernat Roqué, 2023).

 

Porque Jules non se pecha a unha soa especialidade: “o que sei é que me quero dedicar ao audiovisual, pero tanto me encanta o posto de dirección coma o de produción, o de fotografía ou o de arte”.

 

O que sei é que me quero adicar ao audiovisual, pero tanto me encanta o posto de dirección coma o de produción, o de fotografía ou o de arte

 

Pero sen présa

 

Para ver ‘Amil’ haberá que agardar ata, polo menos, 2026. A idea de Jules é que teña cando menos dúas tempadas de seis a oito capítulos de non máis de media hora. Por tanto fai falla o tempo e orzamento.

 

Mentres tanto, Jules xa vai abríndolle o apetito a posibles espectadores: “a mestura de ciencia ficción, drama e comedia, unida aos temas tratados e a que estará gravada en galego, suporá unha innovación no escenario audiovisual de Galicia”.

Reportaxe | ‘Amil’, a gran promesa do panorama audiovisual compostelán

Te puede interesar