Este vindeiro domingo, o Mercado da Estrela de Santiago de Compostela acollerá ás 20.00 horas unha das actuacións máis esperadas do seu programa: a catante coruñesa Lucía Aldao e a súa banda, Pava, traerán á cidade a forza e a delicadeza do seu pop cargado de poesía.
Consolidada como a banda cun dos estilos máis singulares do panorama pop galego, PAVA chega a Santiago no marco dunha xira que preludia o lanzamento de 'PAVA 3', o seu próximo EP, que verá a luz este vindeiro 19 de decembro. O último adianto, 'O himno da lesión' —xa dipoñible en todas as plataformas dixitais— é unha mostra do estilo único da banda, onde a poesía de Aldao se combina co talento musical de Analís Guillín, David Santos, Pablo Silva e Julián Goicoa para crear un son inconfundible.
Con recoñecementos como o Premio Martín Códax ao mellor proxecto de pop e indie, PAVA continúa a ampliar horizontes, enchendo escenarios con letras cargadas de significado e unha posta en escena que non deixa a ninguén indiferente. Antes de subirse ao escenario compostelán, falamos con Lucía Aldao sobre O himno da lesión, os retos de crear en galego e o que lle agarda ao público neste esperado concerto.
Que pode esperar o público deste novo EP?
Creo que máis do mesmo, pero mellor. Eu sigo detrás das letras e as melodías, pero ademais agora conto cunha banda coa que traballo en estruturar as cancións e arreglalas. Como grupo funcionamos moi ben; somos catro cerebros e aportamos moitos máis matices.
Que é primeiro, a composición musical ou a letra?
Van as dúas cousas xuntas. Normalmente, vén un verso que xa ten melodía e que, moitas veces, non ten a pretensión de ser verso. Isto é, tararear unha invención. A esa melodía aplícaselle unha letra e esa composición inicial é un fío do que tirar.
Que pode esperar o público compostelán do voso directo?
Estamos moi contentas co directo; estamos moi rodadas e iso nótase moitísimo. Os concertos saen sós porque as cancións están interiorizadas e tanto nós como o público desfrutamos máis.
A banda consolidouse co lanzamento de Pava 2 e co recoñecemento en premios como os Martín Códax. Como valoras o impacto que tivo PAVA no panorama pop galego?
A acollida é inmellorable en canto a intensidade, non tanto en canto a cantidade, que é o que intentamos agora; chegar a máis xente. Notamos que hai xente á que lle gusta moito Pava, pero necesitamos ter máis actuacións e así poder seguir publicando cancións. Confiamos moito no proxecto e queremos seguir ofrecendo cousas que poidan gustar.
Con quen che gustaría colaborar no futuro para seguir ampliando os horizontes da banda?
Xa teño a miña colaboración soñada; a de Gloria Pavía, nunha das cancións do novo EP. É unha das voces que máis me emocionan e encántanme os seus traballos
Que mensaxe lle gustaría transmitir aos seguidores que asistirán ao concerto de Santiago?
Creo que o Mercado da Estrela supón o inicio do Nadal en Santiago de Compostela. Animamos a todo o mundo a celebralo coa nosa banda sonora.