O Ateneo de Santiago acollerá este mércores, 18 de xuño, ás 19.30 horas, o acto de entrega dos Premios da Crítica 2024 nas modalidades de narrativa e poesía en lingua galega. A cita, organizada en colaboración coa Asociación Galega da Crítica, terá lugar na súa sede da Rúa do Vilar, 19, e servirá para recoñecer as obras publicadas o pasado ano por Manuel Rivas e Daniel Salgado, premiados respectivamente polas obras Tras do ceo e Poemas realistas.
Estes galardóns forman parte dos Premios da Crítica, promovidos desde 1956 pola Asociación Española de Críticos Literarios, e distinguen anualmente as mellores obras escritas nas catro linguas oficiais do Estado.
A novela de Manuel Rivas, Tras do ceo, mergúllase nunha batida de caza onde emerxen tensións persoais, sociais e simbólicas, nun relato marcado pola violencia latente e a complexidade moral. Pola súa banda, Poemas realistas, de Daniel Salgado, constrúe unha poética do compromiso que explora o papel da poesía como forma de resistencia ante o contexto histórico.
A entrega contará coas intervencións de Pilar Sampedro, secretaria do Ateneo; Mario Regueira, en representación da AGC; e das escritoras Olivia Rodríguez González e Inma Otero Varela, que acompañarán aos autores no acto.
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un dos escritores máis recoñecidos da literatura galega contemporánea, cunha obra que abarca narrativa, poesía e xornalismo, traducida a máis de trinta linguas. Foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa, varias veces cos Premios da Crítica e coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes.
Daniel Salgado (Monterroso, 1981), tamén xornalista, editor e tradutor, destaca por unha obra poética de fondo compromiso político e linguaxe depurada, que o sitúa como unha das voces máis singulares do panorama actual.