A actriz, guionista e monologuista Marta Doviro foi seleccionada pola Fundación SGAE para participar no seu primeiro laboratorio de escritura creativa de monólogos dirixido a autoras e autores residentes en Galicia. A convocatoria, de carácter competitivo, tiña como obxectivo apoiar novas voces na escrita humorística e escénica desde unha perspectiva profesional.
A artista compostelá, coñecida polo gran público pola súa traxectoria na televisión galega, recibirá unha bolsa de 1.500 euros, así como o financiamento dos gastos asociados á súa participación nunha residencia creativa guiada polo humorista e actor Oswaldo Digón, que exercerá como titor do proxecto.
O laboratorio inclúe unha semana de traballo intensivo presencial na sede da SGAE en Santiago, que se completará con varios encontros telemáticos. O obxectivo é pulir e definir o proxecto escénico seleccionado, ao tempo que se fomenta o intercambio de ideas e experiencias entre profesionais do sector.
Marta Doviro iniciou a súa carreira como monologuista en 2020 e ao pouco tempo estreou o seu primeiro espectáculo en solitario, Memorias dunha rapasa da costa, que obtivo o Premio Dorotea Bárcena (FETEGA) e foi representado máis de cen veces. Dende entón, combinou a súa faceta cómica con outros proxectos escénicos como Sen restricións (2021) ou As Rhumorosas (2023), que compartiu con Ledicia Sola e Carmen Méndez.
Como actriz, participou en numerosas producións televisivas, entre as que destaca Pazo de familia, e ten pendente de estrea a serie O home perfecto, de Voz Audiovisual. Ao longo da súa carreira foi catro veces candidata aos Premios Mestre Mateo como mellor comunicadora de TV.
Ao fronte do laboratorio estará Oswaldo Digón, referente do humor escénico galego, cunha traxectoria de dúas décadas como actor, guionista, profesor e cómico. Participou en programas como Luar, Malicia Noticias ou Las noches del Club de la Comedia, e formou parte dos elencos teatrais de Fariña ou Síbaris.
Con esta iniciativa, a Fundación SGAE reafirma o seu compromiso co apoio á creación contemporánea e coa formación de novos talentos no ámbito do humor escénico, nun momento de especial efervescencia para a comedia feita en Galicia.