A música urbana galega será a protagonista da sexta edición do festival Acento, que se celebrará o sábado 21 de xuño, coincidindo co Día Internacional da Música, na terraza da SGAE en Vista Alegre (Santiago de Compostela). O evento, con entrada libre e acceso gratuíto, está promovido pola Fundación SGAE a través do Consello Territorial SGAE Galicia, e conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.
Nesta edición, o festival aposta por tres propostas potentes da escena urbana galega: 9Louro, Lua de Santana e Boyanka Kostova, que actuarán por esta orde a partir das 20.30 horas.
Desde Muros chega 9Louro, unha das novas sensacións da música urbana galega. O seu disco Nove noves mestura trap con bachata, rimas viscerais e producións coidadas, sempre en galego. No festival Acento 2025 presentará os seus temas antes de visitar festivais como Osa do Mar ou Nachiños Fest.
Nacida en Bahía (Brasil) e criada en Vigo, Lua de Santana é unha artista inconfundible, cun estilo que mestura pop, soul e música de club. Despois de colaborar con figuras como Nathy Peluso e Recycled J, e tras actuar en eventos de moda internacionais e no Sónar de Lisboa e Barcelona, chega a Santiago para presentar o seu celebrado EP Ginga.
Pecharán a noite os composteláns Boyanka Kostova, pioneiros do trap galego e hoxe mestres dunha proposta que combina retranca, electrónica e tradición. No seu último álbum, Foliada no inferno (2024), e nos seus novos singles como “Europa do Oeste”, o dúo segue explorando a mestura entre rap e son raveiro, cun directo enérxico e cheo de ironía.
Ademais da música, o evento contará con servizo de bebidas e restauración grazas á colaboración de Cervezas Alhambra, facendo da terraza da SGAE un lugar de encontro ideal para celebrar a música en pleno verán compostelán. O festival Acento reafirma así a súa aposta pola creación musical contemporánea en galego, nun contexto gratuíto, accesible e comprometido coa diversidade e a innovación.