O luns 22 de setembro, ás 11.00 horas, o Salón de Actos do Pazo de San Roque en Santiago de Compostela acollerá a rolda de prensa de presentación de Odio, a novela de Gabriel Romero de Ávila galardoada co Premio Neira Vilas de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX).
No encontro intervirán, xunto ao autor, o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo Neira; e o director de Editorial Galaxia, Xosé M. Soutullo.
Con ecos da ciencia ficción clásica, Odio trasládanos a un futuro distópico con marcada identidade galega. A historia discorre entre Neo Vigo, cidade de neóns e rañaceos antigravitatorios que aínda lembra a explosión atómica de Balaídos, e escenarios como o Museo do Pobo Galego, onde aparecen seis replicantes mortos, ou a catedral de Auria, epicentro dunha carreira ilegal de droides seguida en toda a galaxia.
Neste clima de tensión, a protagonista, a inspectora N4rv43z da División de Seguridade da Fundación Omnia, tentará descubrir a verdade nun contexto no que unha nova guerra entre humanos e droides semella inevitable.
Nado en Madrid en 1978 e asentado en Galicia desde 2003, Gabriel Romero de Ávila é médico de profesión e escritor de ampla traxectoria. Autor de textos de xéneros variados, colaborador en revistas e faladoiros literarios, define a súa paixón como a escritura de historias de aventuras que fagan “soñar, rir, pensar e evadirse do mundo”.
Con Odio, unha obra destinada ao público xuvenil, o autor propón unha reflexión sobre a tecnoloxía e a sociedade, mesturando acción, intriga e unha visión crítica sobre o futuro.