"Non pode ser que todo o comercio sexa para turistas": os veciños da Zona Vella opinan sobre as restricións aos locais para visitantes

Os residentes valoran de xeito positivo a medida, mais consideran que existe un problema estrutural
"Non pode ser que todo o comercio sexa para turistas":  os veciños da Zona Vella opinan sobre as restricións aos locais para visitantes
Terraza en la calle del Vilar | ELADIO GONZÁLEZ LOIS

A supresión durante un ano das licenzas dos establecementos do Casco Histórico enfocados ao turismo está a xerar reaccións moi dispares nas distintas áreas implicadas.

 

É preciso escoitar, por suposto, ao propio sector dos servizos. A súa perspectiva debe ser valorada na medida de que a súa actividade pode verse comprometida pola implantación de medidas como esta.

 

Porén, non é, nin moito menos, a única voz que conta. Aínda que o certo é que teñen moito peso na economía da cidade, non só xoga un papel activo na cuestión o colectivo que vive da Zona Vella. Como mínimo e independentemente do seu número, é igual de importante a opinión dos residentes.

 

Roberto Almuíña é o presidente da Asociación de Veciños Fonseca. Ao seu parecer, os grandes favorecidos da medida son os comercios enfocados ao turismo que xa están establecidos na actualidade, posto que se lles asegura que non terán nova competencia.

 

Turistas entrando a un comercio
Turistas entrando a un comercio | ELADIO GONZÁLEZ LOIS

 

 

En calquera caso, os residentes teñen moi claro que "isto ten que parar, porque non pode ser que todo sexa comercio para turistas". Queren o comercio "de sempre" e levan moito tempo vendo como se extingue paulatinamente.

 

"Zapaterías quedan dúas, e unha vai pechar o ano que vén. Mentres, vemos como todos os días se fai venta ambulante en plena rúa do Vilar"

 

Parte do colectivo turístico sinala que a desaparición do comercio de proximidade está moi relacionada, máis que coa aparición de tendas de recordos, cos cambios de hábitos na sociedade. Salientan que a xente compra máis por internet e nas grandes plataformas, de xeito que o comercio local diminúe tanto a súa demanda que se ve obrigado a desaparecer.

 

Non obstante, os veciños difiren. Insisten en que sacar e meter o coche nas rúas da Zona Histórica "non supón máis que atrancos", polo que necesitan "que haxa unha boa oferta" no lugar no que viven, sen necesitar saír do seu entorno "ata para comprar un xornal".

 

Así mesmo, en relación coas compras por internet, manifestan o incómodo que se lles fai que haxa "sete ou oito empresas de paquetería" entrando todos os días a calquera hora. Subliñan que "ten que haber unha orde" e que "non pode ser que cadaquén faga o que lle dea a gana".

 

Hai outras prioridades

 

Ao ser preguntado pola capacidade da nova medida para atraer poboación, Almuíña declara "que non chega". Explica que "non está claro o modelo de cidade que queren, e é iso o primeiro que teñen que delimitar porque non hai ningún incentivo para que a xente queira quedar aquí".

 

Por outra banda, o voceiro dos residentes do Casco Vello subliña que a perda anual de poboación na área non se debe directamente á proliferación dos locais turísticos e o abandono dos comercios de proximidade. Para el, "o Concello ten que avanzar no tema da rehabilitación". Segundo a súa opinión, "o presuposto que ten o programa 'Ter e manter' é ridículo", o que lle leva a preguntarse "onde están os fondos Next Generation para os veciños da zona". 

 

Pensar nos veciños non é botar fóra aos turistas

 

Almuíña afirma con rotundidade que ningunha das medidas que demandan os veciños influirá de ningún xeito na chegada de turistas.

 

"A demanda turística é inelástica. Eliminar as tendas de recordos e os bares non inflúe na chegada de visitantes porque o atractivo é a Catedral. A maioría non queren coñecer o resto da cidade"

 

En definitiva, é preciso facer de Santiago algo moito máis alá da súa Catedral. Do contrario, e como expresan os veciños, o Casco Histórico continuará masificándose, xerando friccións e desprazando aos residentes á Zona Nova ou, incluso, fóra da cidade.

 

"Non pode ser que todo o comercio sexa para turistas": os veciños da Zona Vella opinan sobre as restricións aos locais para visitantes

Te puede interesar