Este martes, 24 de xuño, Santiago de Compostela vivirá unha intensa tarde cultural con dúas propostas organizadas polo Consorcio de Santiago en dous espazos emblemáticos da cidade: a Casa do Cabido e o Museo do Pobo Galego.
Entre as 18.00 e as 20.00 horas, a artista compostelá Mareiras levará a cabo unha acción pictórica en directo nas dependencias da Casa do Cabido, situada na Praza de Praterías. Durante dúas horas, pintará a un modelo ao vivo, nun exercicio de creación que forma parte da exposición “Tras a pegada das musas”, unha mostra comisariada polo Consorcio de Santiago e de acceso de balde.
A iniciativa busca visibilizar o proceso creativo e pór en diálogo a creación contemporánea co espazo histórico da Casa do Cabido, nunha experiencia inmersiva que permitirá ao público asistir ao traballo artístico en tempo real.
Xa ás 19.00 horas, o auditorio do Museo do Pobo Galego será escenario da presentación do libro Cantigueiro de Compostela, unha coedición da Editorial Galaxia e o Consorcio de Santiago, con escolma e edición a cargo de Marcos Calveiro e Alba Gil Vicente.
Ao acto asistirán diversas autoridades e responsables institucionais: a alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín Rei; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, María Concepción Losada Vázquez; o xerente do Consorcio, José Antonio Domínguez Varela; o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde Roa.
O volume reúne cantigas vencelladas a Santiago e divídese en dúas partes: por un lado, as recollidas directamente na cidade, en lugares como Folgoso ou Santa María de Figueiras; e por outro, aquelas que fan referencia directa a Compostela, aos seus mosteiros (de San Martiño a San Francisco), ao Apóstolo, ás súas rúas senlleiras (do Vilar á Calderería), e a lugares tan icónicos como Conxo ou o Pico Sacro.