O Partido Popular de Santiago denunciou este xoves o estado de abandono do Centro Sociocultural de Laraño, onde, segundo a formación, as deficiencias acumuladas están a impedir o normal desenvolvemento das actividades. O concelleiro José Ramón de la Fuente advertiu de que a situación obrigou mesmo á suspensión de clases de informática, debido a que os equipos informáticos permanecen avariados desde comezos de ano.
Entre os problemas detectados, o edil popular enumerou fallos no sistema de climatización, que en varias ocasións provocaron a cancelación de actividades, así como a existencia de humidades nas salas de reunións por falta de mantemento preventivo. Tamén criticou a insuficiencia dos servizos de limpeza e a presenza de mobiliario roto e inservible desde hai meses.
De la Fuente puxo o foco en cuestións de seguridade, sinalando que o baño adaptado para persoas con mobilidade reducida está a ser utilizado como almacén, que o salón de actos non conta cunha saída de emerxencia e que a entrada presenta fochancas e deficiencias de iluminación, o que impide a realización de actividades ao aire libre.
O popular tamén advertiu da situación do parque infantil exterior, que non está completamente valado, polo que os vehículos estacionan sen separación cos xogos infantís. “Nesta situación non cumpre normativa de seguridade e resulta perigoso para os cativos”, afirmou.
O edil acusou ao goberno local de manter unha “xestión calamitosa” nos centros socioculturais, prorrogando contratos que —afirmou— xa non se poden soster economicamente para as empresas concesionarias. Isto estaría a provocar unha falta de persoal, carencia de material e suspensións de actividades.
De la Fuente insistiu en que os pregos para a nova licitación dos contratos levan máis dun ano redactados e acusou ao executivo de “mentir á oposición e enganar a traballadores, usuarios e empresas”.
Por iso, instou ao goberno municipal a licitar canto antes os contratos, co fin de que os centros socioculturais “poidan funcionar como é debido e os usuarios reciban os servizos que pagan”.