O proceso social Lingua Vital comezou oficialmente esta fin de semana en Santiago de Compostela como resposta organizada ao malestar social manifestado nas recentes mobilizacións en defensa da lingua galega.
A iniciativa, promovida por máis de 60 entidades e colectivos galegos, pretende reactivar os compromisos recollidos en acordos como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas (2001) ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).
O nacemento do proceso Lingua Vital chega tras as multitudinarias manifestacións de febreiro, maio e novembro de 2024, nas que milleiros de persoas denunciaron a inacción institucional e os retrocesos lexislativos que, segundo os convocantes, estarían acelerando o declive do galego. A situación, apuntan, levou a que Galiza rexistre unha cifra inédita de persoas incapaces de falar o idioma, o que cualifican como un feito sen precedentes históricos.
As entidades que forman parte do proceso comprométense a avaliar de xeito sectorial o grao de cumprimento das medidas do PXNLG, detectar os principais obstáculos para a súa efectivización e propor un calendario de accións concretas para garantir a súa aplicación. Ademais, acordaron:
Este traballo estruturarase durante o último trimestre de 2025, a través de grupos de traballo temáticos nos que se abordará a situación en diferentes sectores sociais e profesionais.