Cada martes o parque de Belvís acolle toda unha exposición de produtos ecolóxicos e artesanais. Desde as cinco da tarde no inverno, e a partir das seis no verán, varios vendedores montan os seus postos con agarimo, listos para recibir a calquera que desexe apostar polo comercio de proximidade.
O mercado ‘Entre lusco e fusco’ é pequeniño, pero leva anos en activo na cidade compostelá. Trátase dun mercado autónomo e auto xestionado que iniciou a súa andaina no 2010 da man da coordinación de Andaime e a colaboración da cooperativa Eirado, así como dos produtores A Hortiña e Lentura.
Quen se achegue ao lugar atoparase cunha grande variedade de opcións de compra, todo baixo o selo de calidade e a seguranza de que a produción foi artesanal. Véndense comestibles, desde produtos frescos coma verduras e hortalizas, pasando por legumes e ata elaborados coma queixo e empanadas.
A cosmética natural tamén ten o seu lugar reservado no mercado: xabóns, xampús, cremas para os máis diversos tipos de pel… e mesmo candeas aromáticas. Tamén é posible ver xoiaría feita á man. Hai colgantes, pulseiras e aneis para todo tipo de gustos.
O mercado percórrese en pouco tempo pero cómpre ir con calma para observar con detemento toda a súa oferta, que non é escasa. Os comerciantes, ben dispostos e amables, están sempre abertos a explicar os procesos de elaboración dos seus produtos e a resolver calquera interrogante ou curiosidade dos seus clientes.
Todo isto fai do mercado ‘Entre lusco e fusco’ un espazo familiar, próximo e atractivo, ideal para pasar as tardes e facer a compra da semana por prezos accesibles e calidade asegurada.
O ‘Entre lusco e fusco’ conta cunha serie de vendedores habituais que cada semana se trasladan ao parque de Belvís. Algúns levan moitos anos colaborando co mercado; outros incorporáronse recentemente e foron excelentemente recibidos.
Entre eles hai moitos negocios familiares e outros que veñen de diferentes puntos da comarca (Ordes ou Vedra, entre outros). Moitos teñen as súas propias hortas agroecolóxicas nas que cultivan os produtos que despois venden no mercado.
Visitamos o mercado nunha soleada tarde de verán. Ese día hai arredor de seis postos montados. Non están todos os que son, pero os que están son de sempre. O ambiente é propicio: a temperatura é agradable e hai moito movemento no parque, xa que moitos pais decidiron levar aos seus fillos a gozar do bo clima.
Por iso nesta tarde o ‘Entre lusco e fusco’ está acompañado dos gritos e risas dos máis novos. Isto, xunto coa contorna natural da que se rodea o mercado -carballos, camelias e castiñeiros dan a sombra necesaria para protexerse dos raios solares- converte o lugar nun escenario á parte, fóra dos ritmos frenéticos que se viven a poucos metros, en pleno centro compostelán.
O primeiro que pode un ver, unha vez entra, é unha interesante cantidade de froitas e verduras: xudías, leitugas, cebolas, patacas, laranxas… E iso que non hai moito porque chegamos tarde e parte dos produtos xa foron vendidos.
Son produtos de orixe natural e que un sempre ten na neveira para acompañar os pratos saudables do mediodía. Aquí un pode abastecerse para varios días coa garantía de gozar dun sabor ben gustoso.
A continuación atópase o posto de ‘María Cerezo’. Para almorzar hai variedade, biscoitos, brownies, madalenas ou marmeladas de figos, moras ou laranxa. Este ano semella que houbo un clima idóneo para a produción de figos, pero non tanto para as moras, de aí que apenas queden botes desta última: “fago marmelada co que teño, esta de figos déixocha máis barata porque hai máis”.
Este posto leva moito tempo no mercado. A súa dona asegura que toda a xente que vén queda contenta e adoita repetir: “eu anímote a vir máis, os produtos son moi bos e son duradeiros”, comenta. Parece ser certo, porque unha clienta dálle a razón ao segundo e alude a un posto de queixos que hoxe non está, pero que destaca polo seu sabor.
Todos os que veñen repiten, a xente queda contenta cos produtos, que son moi bos e duradeiros
Ademais de artigos de consumo habitual, no ‘Entre lusco e fusco’ hai apostas máis arriscadas. Laura leva un posto de fermentados vexetais ‘estilo queixo’, totalmente veganos.
Baixo a marca ‘In fermento’ elabóranse estes queixos sen leite semicurados con froitos secos, con opcións tanto doces coma salgadas. Segundo explica a obradora, o proceso de produción é longo pero pode facelo calquera persoa “se ten ganas e tempo”.
Para quen o desexe, o produto pode probarse antes de tomar a decisión de compra. Para os amantes do picante, o de anacardios ao pemento é a mellor opción. Para padais máis afeitos a sabores suaves están as alternativas con pistacho, herbas ou sésamo.
Quedan aínda varios postos de alimentación, pero entre eles, desde fai pouco, tamén exhiben os seus produtos Benxamín e a súa filla, el con cosméticos e ela con candeas aromáticas.
Benxamín comezou durante a pandemia, e por mera curiosidade, a elaborar cremas con plantas, facendo probas na súa propia pel. Non ten formación farmacéutica, pero o seu proceso consiste en primeiro estudar todas as propiedades que teñen os vexetais para despois combinalos e xerar os seus tratamentos.
Trato de coñecer as propiedades das plantas e logo fago probas, combínoas e creo os meus propios tratamentos
Por suposto, ten as proporcións ben calculadas porque “o último que quero é facerlle dano a alguén”. Trata de usar plantas cun ph semellante ao da pel e nunca utiliza as máis agresivas. Agora xa vende ata xampús, xabóns e barras de labios. Semella ter éxito: “aquela muller que ves, a de chaqueta verde, sempre me merca o xampú sólido”.
Todos os seus cosméticos, baixo a marca de ‘Sapo verde’, levan na súa etiquetaxe as plantas que foron empregadas. Tanto é o interese que esperta o seu labor que unha nai ata lle pediu un tratamento contra o acné para o seu fillo: “téñolle este spray que lle darei de balde para que o probe, a ver que tal”.
Xa o saben, no mercado ‘Entre lusco e fusco’ hai produtos para todos os públicos. Agora que hai boas temperaturas, é a mellor época para facerlle esa obrigada primeira visita.