A catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Patrocinio Morrondo Pelayo foi recoñecida como a muller máis influente de España no ámbito da Saúde Animal e a Veterinaria en 2025. O galardón, promovido pola publicación dixital Animal’s Health no marco do Día Internacional da Muller, premia a súa dilatada carreira e a súa relevancia dentro do sistema universitario español.
Morrondo, profesora da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, resultou gañadora tras unha votación pública na que participaron milleiros de lectores e lectoras. A súa elección supón un novo fito na visibilización do talento feminino no eido científico e universitario.
Segundo destacou a organización, o recoñecemento responde ao feito de ser “unha das mulleres máis relevantes do sistema universitario español”, e pola súa dedicación continuada á formación de novas xeracións na área das ciencias veterinarias e biolóxicas.
O premio será entregado nunha gala que se celebrará no marco da cuarta edición dos Premios Saúde Animal e Veterinaria de España.
Licenciada en Veterinaria e Ciencias Biolóxicas, e diplomada polo Colexio Europeo de Parasitoloxía Veterinaria, Patrocinio Morrondo ocupa actualmente a cátedra de Sanidade Animal na USC. Pero o seu compromiso coa calidade e o rigor científico vai moito máis alá das aulas.
Foi presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) durante varios mandatos, ademais de avaliadora da Axencia Nacional de Avaliación e Acreditación (ANECA), e revisora en publicacións científicas de alto impacto.
En 2019, foi elixida membro do Comité Asesor sobre Infraestruturas Únicas (CAIS) do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación do Ministerio de Ciencia. Ademais, é a primeira académica de número electa da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, un fito histórico que consolida a súa posición como referente da investigación en Galicia e no resto do Estado.