A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela acolleu esta mañá o acto de posta en marcha do programa Xuventude Mentoring na Empresa 2025, unha iniciativa cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, cun 60 % do financiamento total.
A través deste programa, 12 mozas e mozos de entre 18 e 29 anos, procedentes da comarca de Santiago e doutras localidades galegas, realizarán estadías formativas remuneradas de tres meses en empresas galegas vinculadas a sectores económicos estratéxicos. As prácticas desenvolveranse ata o 30 de novembro de 2025 e estarán precedidas por un bloque formativo de 40 horas de capacitación previa.
No acto participaron a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, a subdirectora xeral, Silvia Negreira, e a secretaria xeral da Cámara, Rosa Mary Cardeso, ademais das persoas seleccionadas e representantes das empresas colaboradoras.
Meneses destacou o éxito das edicións anteriores, nas que se acadou unha taxa de inserción laboral superior ao 60 % entre as persoas participantes. Pola súa banda, Rosa Mary Cardeso salientou a importancia de iniciativas como esta para reter o talento novo en Galicia, fronte a unhas cifras de desemprego xuvenil que roldan o 25 % no conxunto do Estado. “Non podemos permitir que mozos e mozas formados aquí teñan que emigrar por falta de oportunidades e acaben sendo competidores das nosas empresas fóra”, advertiu.
A responsable da Cámara tamén subliñou que un mercado laboral xuvenil activo é clave para o desenvolvemento económico da comunidade, e remarcou os tres eixos de traballo da entidade en materia de emprego xuvenil: a retención e captación de talento, a formación práctica e a conexión entre oferta empresarial e demanda xuvenil.
Entre as empresas que acollerán estas estadías figuran Chemical Gama Verde, Televés, Ozoaqua, Espagat, Acar ou MK20, entre outras. Durante todo o proceso, as persoas participantes contarán con seguimento e acompañamento por parte do persoal da Cámara de Comercio.