"Proxector: audiovisuais en galego para a docencia" é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario. Esta iniciativa, froito da sinerxía entre o Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de superar os 2.000 vídeos compilados e catalogados.
O proxecto orixinal foi deseñado no seo da USC e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018, o CCG súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, o web ofrece unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso.
O traballo de actualización e xeración de novo contido en Proxector desenvólvese en dúas liñas. Por un lado, a incorporación case continua de novos recursos audiovisuais. E polo outro, a elaboración de Especiais, compilacións temáticas que aproveitan algunha efeméride ou acontecemento de relevancia científica como por exemplo, ‘Arqueoloxía, un bo plan para coñecer Galicia este verán’, o último monográfico publicado.