Entre os días 18 e 26 de setembro, a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá unha serie de concertos gratuítos nos barrios compostelás. Esta iniciativa busca achegar a música sinfónica a todos os recunchos de Santiago ao levar a orquestra fóra do Auditorio para conectala directamente coa cidadanía.
Todos os espectáculos terán lugar ás 19.30 horas e o público asistente escoitará unha selección de obras que forman parte da nova temporada da RFG, "Historias": "Obertura de Las bodas de Fígaro", de Mozart; "Salut d’amour" de Elgar; "Serenata en Re menor" de Dvorák; "Sinfonía núm 3 en Sol menor" de Farrenc; "Orawa" de Kilar; e tamén a "Sinfonía núm 1 en Do Maior" de Beethoven.
Ademais, haberá a estrea absoluta da obra "Foliada festiva", unha peza escrita especialmente para a Real Filharmonía de Galicia polo compositor vigués Juan Durán en conmemoración ao seu 30º aniversario. A composición integra o proxecto “Cometas”, unha serie de 16 breves obras sinfónicas, de ata cinco minutos de duración, escritas por oito compositoras e oito compositores (a metade deles galegos e galegas e a outra metade españois), pensadas para acompañar as grandes obras do repertorio sinfónico e establecer así un diálogo entre o pasado, o presente e o futuro da música.
Durante as actuacións nos barrios, o director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann, xunto ao director asistente, Sebastian Zinca, intercalarán a dirección da orquestra compostelá, sendo Brönnimann o responsable por levar a batuta durante as dúas primeiras presentacións e Zinca o encargado de facelo a partir do 24 de setembro.
Cómpre indicar que nestes concertos preséntanse os contidos da vindeira temporada da Real Filharmonía de Galicia, "Historias", cun formato máis próximo e a intervención de comentarios dos directores entre as obras presentadas co fin de romper os muros invisibles que afastan moitas persoas da música clásica.