A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana unha serie de concertos nos barrios composteláns co fin de achegar a música clásica a toda a cidadanía santiaguesa. Serán este mércores 18, xoves 19 e venres 20 de setembro. As actuacións terán lugar na Casa de Máquinas de Galeras, no Centro Sociocultural Santa Marta e na igrexa de Santa María da Mercé de Conxo. Todos os concertos ocorrerán a partir das 20h.
Con esta iniciativa, a RFG traspasa as portas da súa sede, o Auditorio Galicia, co obxectivo de expandir a súa presenza aos lugares comunitarios da cidade alén e consolidarse como unha entidade musical aberta.
Nesta ocasión, será o director asistente da RFG , Sebastian Zinca, quen empuñe a batuta para guiar os músicos mentres tocan obras de Ludwig van Beethoven, Franz Schubert, Giacomo Puccini e Amy Beach. Todas estas composicións fan parte do repertorio da nova temporada 2024 – 2025 da RFG e serán presentadas nesta ocasión no formato dun concerto máis reducido e cunha breve explicación para facilitar a comprensión do público.
Estas tres presentacións serán o preludio da nova temporada da Real Filharmonía de Galicia, que leva por título ‘Inconformistas’ e para a que esta semana, desde o luns 16 ata o venres 20, está aberta a posibilidade de mercar novos abonos tanto no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (en horario de 10 a 14 horas), como no da Zona C (aberto de martes a sábado en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas).